Hai uns anos tiven a
honra de escribir unhas columnas no histórico xornal A Nosa Terra.
Nestas columnas tocaba
eses temas que a min me preocupaban en relación coa escola e a lectura
fundamentalmente.
Sempre me sentín moi
cómodo e encantado de colaborar cunha publicación que endexamais debeu
desaparecer.
Por iso, aquí e agora,
vou recuperar algunhas delas e vostedes xulgarán o meu punto de vista e a
vixencia das mesmas.
E comezo coa visión
persoal que teño sobre o verbo contaxiar.
Agardo que lles guste.
Antonio G. Teijeiro (Foto Ricardo Grobas) |
O VERBO CONTAXIAR
Contaxiar é un verbo que ten diversas connotacións,
non todas positivas. Contáxiannos a
gripe ou algunha doenza máis ou menos molesta. Contáxiannos o fervor relixioso, as forzas para realizar algo ou as
ganas de non facer nada. Tantas cousas! Pero deixando isto á marxe, gustaríame
dicir que contaxiar é un verbo que
pode/debe ser conxugado para achegar ou introducir os nenos na lectura. Eu creo
na súa conxugación para seducir con textos, rimas, xestos, pausas, silencios,
etc. os cativos no eido da literatura. Pódese contaxiar o desexo de ler dende o entusiasmo por aquilo que
apaixona: a lectura por necesidade, por pracer, pola beleza, pola función que pode
cumprir e, mesmo, pola falta de función que a lectura pode ter. Pódese contaxiar dende o exemplo, poñendo á
vista o noso hábito lector, falando de libros cos rapaces, e amosándolles como
gozamos coa palabra escrita.Contaxiar
para que imiten e, nalgún momento, cheguen a ler en liberdade e sen prexuízos. Contaxiar lendo versos en voz alta,
escribíndoos na pizarra ou lendo contos á beira da cama.Contaxiar hábitos, entusiasmos, costumes ou desexos permitirannos
vivir o fascinante mundo do libro dun xeito grato e ousado á vez. Se espertamos
a curiosidade pola letra impresa, abriremos portas á esperanza duns nenos máis
felices e formados. Se contaxiamos a
ilusión de saber que hai tras o título dunha obra literaria, estaremos abrindo
ventás a esa aventura interior que nos presenta o acto de ler.Contaxiar, en fin, é conxugar o verbo
dos soños acochados nas palabras.
Antonio García Teijeiro