Celso Emilio Ferreiro é
unha influencia ben grande na poesía de Antonio García Teijeiro,
pois o celanovés foi un dos poetas galegos que máis pegada ten deixado na
concepción poética de Antonio. Isto fica claro, non só nos seus poemarios,
senón tamén no seu labor de escolma e de estudo académico.
Non hai moito, convidei a Antonio a
participar nunha conversa arredor da poesía de Celso Emilio, centrada nesta
ocasión en Onde o mundo se chama Celanova, o seu derradeiro
poemario, publicado en 1975. Amais de partillar algunhas lembranzas sobre a súa
relación de amizade con Moraima, Antonio comenta os elementos
poéticos máis salientables dun libro que é case unha síntese da poesía
ferreiriana.
Antonio tamén le algunhas das composicións do poemario, que
inclúe unha sección, ese Diario de a bordo composto en 1972,
no que Celso Emilio afonda en temas filosóficos e recoñece en versos de gran
fermosura a importancia que Moraima tivo ao longo da súa experiencia vital. Se
vos interesa, podedes achegarvos á conversa neste podcast que deixamos aquí
abaixo.