Mostrando entradas con la etiqueta curros enríquez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta curros enríquez. Mostrar todas las entradas

miércoles, 23 de febrero de 2022

PASEOS POÉTICOS (XIII) Paseo no "Día de Rosalía" polo camiño dos versos que acariñan.

 



Aproveitando este 23 de Febreiro, Día de Rosalía de Castro, paseo pola soidade das miñas lembranzas. Rememoro aqueles tempos da descuberta da muller e da poeta que deu luz e substancia á nosa poesía, ou aínda máis, á nosa literatura.

Camiño entre roseiras e moitas flores que recenden a frescura, a palabra agochada entre as herbas, a versos que ateigan de esperanza os meus pasos tan descridos como arelantes de esperanza.


Rosalía de Castro



E Rosalía non é unha poeta máis. Rosalía sempre foi unha escritora que posuía unha forte vocación de poeta. Sempre foi esa muller comprometida coa terra, co tempo que lle tocou vivir. Rosalía de Castro é un símbolo real, por representativa, da literatura galega de todos os tempos.

A publicación, en 1863, de Cantares Gallegos sinala o inicio do Rexurdimento literario galego. É a recuperación para a arte dunha lingua cuxa tradición literaria fora inexistente ao longo de catro escuros séculos.

 

Sento sobre o tronco dunha árbore cunha antoloxía rosaliana, ao bordo do camiño e reparo, unha vez máis, na potencia da súa voz lírica, do seu verso intimista que descobre moitas das posibilidades que se descoñecían arredor da nosa lingua. Se en Cantares Gallegos puxo a poesía ao servizo do social, en Follas Novas (1880) e, posteriormente, no poemario En las orillas del Sar (1884) preséntasenos como unha poeta da intimidade e, co tempo, da fondura universal.

Sigo paseando e véñenme á memoria os fermosos versos que Manuel Curros Enríquez lle dedicara a esta muller loitadora infatigable a prol da verdadeira  esencia dun país moi castigado polas adversidades.

E recito en voz alta:

 

                                                A ROSALÍA DE CASTRO  (1885)

 

          Do mar pola orela

          mireina pasar,

          na frente unha estrela,

Manuel Curros Enríquez
          no bico un cantar.

 

          E vina tan sola

          na noite sen fin,

¡que inda recei pola probe da tola

eu, que non teño quen rece por min!

 

          A musa dos pobos

          que vin pasar eu,

          comesta dos lobos,

          comesta se veu…

 

          Os ósos son dela

          que vades gardar.

¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!

¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

 

 

Que emocionante poema lle dedicou o poeta de Celanova, unha das voces máis xusticeiras do seu tempo e un poeta dunha potencia lírica tan evidente.

Érgome do banco e debuxo co dedo no aire un poema que eu incluín no meu Caderno de fume ao sentir en segredo as campás de Bastabales, esas que enchían de soidade á nosa poeta.

 

 


 

Sigo a pasear con pasos curtos. Deixo as pegadas sobre unha terra que sostén o meu corpo e a miña lectura poética nun día tan sinalado.

Daquela, doulle voz a Rosalía para que sexa ela quen loe esas badaladas tan tristes que a fan chorar. Eu non podo evitar escoitar eu ao lonxe a voz lírica e envolvente de Amancio Prada cantando coma ninguén estes suxestivos versos que apuntan ao corazón do ser humano máis sensible.





E un ano máis, desexo fondamente que Rosalía de Castro pase de ser unicamente un rostro nas camisetas, nas cuncas, nos chaveiros ou nas máscaras e os galegos e galegas se decidan a lela como a súa obra merece. Nunca é tarde e xamais perde substancia na relectura.

 


 

Pouco a pouco foi rematando o paseo; porén, síntome feliz e cobro nova vida.

É a maxia da poesía.

É a maxia de Rosalía.




                                                                                                                              O POETA PASEANTE


martes, 8 de diciembre de 2020

FAÍSCAS (5) "Fronte ao busto de Curros Enríquez"

 




Gústame pasear entre árbores e xardíns. Se vexo unha fonte que mana, o seu frescor invade o meu espírito. Fágome cómplice do seu canto e esa serenidade consegue que a melodía invada as miñas ganas de ser libre.

     


     Esta mañá paseaba pola Alameda e achegueime aos xardíns do Areal que están ao seu lado. Acababa de chover non había moito. Fun andando paseniño e, tras secar cun pano un banco, sentei ao pé do monumento de 1911 que a cidade de Vigo lle adicou ao poeta Curros Enríquez. Fitei o seu rostro e sentín de preto os versos do escritor rebelde que, con Rosalía e Pondal, formou parte do Rexurdimento da poesía galega e, xa que logo, da brillantez do noso idioma. Faleille cos ollos tras a máscara que agocha uns rostros ateigados de incertezas. E como me ocorre sempre que me achego a Curros, sentín a ollada limpa deste poeta xusticeiro, seguro de que foi, como teño lido, unha das primeiras voces civís da poesía europea do século XIX. Unha voz que non dubidou en denunciar e fustrigar aqueles abusos dos poderosos. Porque, como di o profesor Alonso Montero, “para Curros o cidadán o é todo. Polo tanto cando a cidade está contaminada, non hai que refuxiarse no horto particular, lonxe das barafundas, alleo á contaminación: hai que loitar contra ela, e, se un é poeta, chegou a hora de poñer o canto ao servizo da cidade”.

Concordo co estimado profesor. Cada vez que estou fronte á estatua, percibo a ollada do poeta dun xeito limpo e directo. O poeta de combate que lle deu á poesía galega unha dimensión cívica case descoñecida. O poeta, Curros Enríquez, cun talento extraordinario asumiu moitos riscos por facer do deu discurso algo auténtico e rebelde , nunha sociedade caciquil, tanto no civil como no eclesiástico. Non debemos esquecer que fustrigou nidiamente a igrexa e, xa que logo, sufriu duros ataques por parte dela. Isto indica, moi claramente, o comportamento cívico do poeta. Foi a voz dos campesiños, tan explotados. Galicia foi case sempre a súa musa e non soportou endexamais as inxustizas que o pobo sufriu por parte das clases poderosas e da igrexa. De aí a súa poesía comprometida que tantos problemas lle produciron: exilio en Londres, condena ao seu primeiro poemario Aires da miña terra por conter -dixeron- páxinas aldraxantes para varios dogmas da relixión católica, multas a certas publicacións, éxodos, etc.

E mentres comeza a chuviscar sobre nós, érgome do banco sen deixar de mirar os seus ollos. Daquela, creo escoitar en voz baixa uns versos ben coñecidos. A medida que me vou afastando van perdendo forza pero xa se instalaron en min e, unha vez máis, síntome recompensado pola voz poética do mestre.

                   

¡Qué triste está a aldea,

qué triste e qué sola!

A terra sin frutos, a feira sin xente,

sin brazos o campo,

sin nenos a escola,

sin sol o hourizonte, sin fror a semente!

 

A pedra i as nubes

a sembra arrasando,

agoiran un ano de fame sombría;

sin pan os labregos,

nin herba pró gando,

¿qué vai a ser deles na crúa invernía?

 

Manadas famentas

de lobos montesos

baixaron das chouzas na noite calada,

e postos en ringla,

cos ollos acesos,

acenan dos probes prá porta pechada…

Mociños honrados

de sangue bravía,

si o mal dos petrucios non fordes alleos,

librádeos da morte,

¡facei montería

nos lobos da terra, nos lobos dos ceos!





                                                                                                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO