Remato unha enorme novela do
escritor colombiano Juan Gabriel Vásquez, Volver la vista atrás, na que
nos conta as lembranzas do cineasta, Sergio Cabrera, sobre os feitos que
marcaron a súa vida e do seu pai, Fausto
Cabrera. Magnífica. Pero aquí non remata a boa literatura porque me agardan
dous libros moi atraentes.
Están sobre a mesa dous Premios
Xerais - o Merlín e o Jules Verne – que,
tratándose de dous dos escritores que máis me interesan da actual LIX galega,
Antonio M. Fraga e Andrea Maceiras, leo cun gusto tremendo.
Antes, sinalar a importancia
dos Premios Xerais ao longo de tantos anos, que revitalizaron a literatura
galega e abriron canles ata ese momento moi pechadas. Sempre é un pracer ler
estes galardóns.
Antonio M. Fraga escribiu Santoamaro co que obtivo o galardón do “Jules Verne”. O escritor de Nogueirosa preséntanos unha novela impactante tanto na súa forma como no seu fondo, e no desenvolvemento da mesma. Concibida como se dunha obra teatral se tratase, o escenario é a Praia de Santoamaro, un lugar onde unha cuadrilla de mozos e mozas se xuntan nas madrugadas dos sábados para bañarse no mar e conversar.
Nese escenario, cunha
linguaxe moi axeitada, móstranos as relacións afectivas que existen entre eles.
Ao longo das noites van aparecendo as personalidades dos compoñentes da
cuadrilla que, paseniño, van amosando as distintas formas de amizade, os
segredos que agochan, as súas filias e as súas fobias.
Eu, como lector, síntome
espectador privilexiado do que nese lugar acontece. Síntome case partícipe das
actitudes humanas que representan e intento comprender a cada un deles. Cunha
ben calibrada intensidade dramática, a historia nos presenta un fresco máis que
intresante do que senten e padecen eles e ellas arredor dunha amizade complexa.
Emocionante, dura e valente, Antonio M. Fraga demostra con contundencia un
coñecemento profundo do ser humano, sempre tinguido das contradicións. Un
acerto pleno.
O Premio Merlín, gañouno Andrea Maceiras con A folla azul e ben que me alegro. Esta narración, contada cunha delicadeza exemplar, preséntanos a Husu Aké, unha rapaza que é membro da tribo dos Tacaré, filla da Nai Terra e habitante do mundo verdadeiro. Coa complicidade da súa avoa Arumi, a protagonista vai coñecer a degradación da natureza por parte dos seres humanos, sen escrúpulos, e terá que emprender unha aventura para acadar “a folla azul” e así poder salvar a tribu da epidemia que padece. Husu Aké ten un don e non pode perdelo. Para iso terá que vencer moitas dificultades porque os Kuben, “os homes malos” teñen moito poder e non llo van poñer doado. Sempre ao asexo, estes personaxes son molestos, ruidosos e destrutivos.
A folla azul é un alegato contra a destrución do
mundo verde –a Amazonia, por exemplo- e a prol das tribus indíxenas que o levan
habitando dende os inicios dos tempos. Digo que é un alegato pero é, ao tempo,
literatura pura e de calidade. Contada en primeira persoa, esta novela ten
todas as características da boa literatura, con lendas, mitos, narración oral,
historias sobre a luz e a escuridade, cun bo número de costumes e tradicións
dos pobos indíxenas e a súa importancia no equilibrio do mundo, ademais da defensa
da súa identidade nunha nota ao final do libro, por parte da autora: “Esta
novela -escribe Andrea- pretende ser unha humilde homenaxe a todos eses homes e
mulleres que nos demostran que outro modo de vivir é posible e que non se trata
dun ideal, senón dunha realidade que sucede aquí e agora”.
Dous libros diferentes
escritos cunha sensibilidade que emociona, porque autor e autora, aman
fondamente o ser humano.
Un luxo.
Antonio
García Teijeiro