Miguel Vázquez Freire (Corcubión, 1951)
Á MORTE DUN AMIGO
Para Enrique X. Macías, 1995
música de voos renxen tristuras no peirao
chuvia e vento baixo un ceo entoldado
un amigo marchou sen deixar sequera un
adeus
Miguel Vázquez Freire |
eu non sei como hei chorar a súa partida
se con músicas silenciosas de palabras
mudas
atoradas na seca gorxa de dor atónita
se con músicas sonoras das súas propias
músicas
viaxando nelas tras da presencia ausente
se co diálogo que a memoria conserva interrompido
reavivado en imaxinario coloquio renovado
se con bágoas de escrita no papel húmida
transcendencia física do desconcerto
íntimo
diante da pechada porta inevitable
meu amigo
u-las respostas ás preguntas aterrecidas?
VELLO
só quere durmir e comer
désteme xa de almorzar?
pregunta dez minutos despois de facelo
pódesme levar a cama?
pregunta sen deixar enfriar as sabas
xa non pega patadas no sofá
mentres ve fútbol na televisión
nin se enfada nin discute
cando escoita dicir:
Deus non existe
cando o seu fillo o saca de paseo
aproveitando o amable sol outonal
hai xentes que o paran e saúdan
e el
educado
e cortés
a todos saúda con extrema corrección
mais di
non sei se con tisteza ou indiferenza
señor, señora
perdóeme
pero eu de vostede non me lembro
el é un vello
VIAXES
son eu un viaxeiro lento
sen degoro da viaxe
onde ir que eu tamén non vaia?
onde chegar que eu xa non estea?
atopar o que endexamais busquei
descubrir o que aínda non pescudei
así a viaxe sería a miña viaxe
INVERNÍA DA IDADE
a invernía da idade
chegou silandeira
habitada de friaxes
en corpos e en almas
con mañás de xiadas
e agardanzas dun sol
que xa non volverá
(Do libro Cantos do despois, editado por Aflera,
2020)