Lede, lede moita literatura
infantil. Non vos deixedes convencer polos “falsos profetas”nin polos
intelectuais de salón, eses e esas que no a valoran, cando non a desprezan sen
máis. A literatura infantil, se é de calidade, non ten idade lectora. É así de
xenerosa. Non pide nunca o DNI ao lector. Todas e todos gozamos con ela. Que
non vos avergonce levar un libro chamado infantil. Garda no seu interior
infinitas virtudes, cando se escribe dende a intelixencia e dende o amor polos primeiros
lectores. Os nenos e as nenas merecen os afectos dun bo libro de literatura,
así sen adxectivos. Ridiculizar a LIX é un síntoma de descoñecemento e de mala
fe. Un acto de soberbia inaceptable. Como pouco, resulta patético non recoñecer
os moitos valores que ten, se é boa. Coma a outra, por certo. Leamos LIX diante
dos nenos, coñezamos autores e autoras que, a partir do respecto e do talento,
están a desenvolver unha literatura que non deixa de facer lectores sans e críticos.
Bibliotecarias/os, seguide a recomendala como facedes dende hai ben tempo. Pais
e nais, avós e avoas, facédea vosa e comunicádevos, tamén a través dela cos
vosos fillos e fillas. Precisan dela. Mestres e mestras, lede moita literatura
nas aulas. Para vós e con eles. Decidide vós e non deixedes que outras persoas,
con menor capacitación, vos marquen as lecturas. Tedes que ser vós, dende o
coñecemento -que só se adquire lendo-, quen poñades nas mans dos cativos os mellores
libros. Mantede o pulso contra os intrigantes. Non desesperedes. Será un xeito
honesto de desenvolver o voso labor. Non caïades no desánimo. Dádelles o voso
apoio e o voso saber porque a rapazada precisa do voso apoio, aínda que non o
demande. Oídos xordos aos que a ridiculizan. Esas primeiras historias, eses
primeiros poemas van deixar pouso no
voso alumnado. Os libros ilustrados, os álbums son un tesouro para a educación
estética dos cativos. Que non vos desanimen, repito. Que non vos enganen. Lede
literatura infantil, esa que vai dirixida aos lectores de 0 a 99 anos. “En todo
escrito, no que as funcións expresivas da linguaxe adquiren categoría artística,
produce esa transmutación que chamamos literatura”, afirma Joan Manuel Gisbert.
Exacto. Non debe considerarse unha disciplina académica. Vai máis aló de todo
iso. Como di o inesquecible Juan Farias, “a literatura (sen adxectivos, engado
eu) é un universos en expansión, un caos nos espazos abertos”. Se nos centramos
nos múltiples valores que os bos libros conteñen -literarios, ante todo-, case
sen nos decatarmos, comezaremos a “vivir na literatura”. Diso se trata e non
busquemos subterfuxios, porque na LIX está o futuro dos lectores e das lectoras
nuns tempos pouco propicios para iso.