martes, 10 de noviembre de 2020

REMUÍÑO DE LIBROS (71) "Fábulas contadas", de Gonzalo Navaza

 





TÍTULO: Fábulas contadas

 

AUTOR: Gonzalo Navaza

 

ILUSTRACIÓNS: Orelí Pello

 

EDITORIAL: Edicións Xerais

 

A partir de 10 anos

 

 

Como moi ben di Antonio Reigosa no limiar deste fermoso libro, Fábulas contadas, de Gonzalo Navaza, “as fábulas seguen sendo útiles para avivar a esperanza humana. Exaltan a natureza, combaten a prepotencia, o medo estéril e a forza bruta, eloxian a intelixencia e a vida”. Non podo estar máis de acordo con estas palabras. As fábulas avisan, poñen diante das persoas a súa estupidez, critican os que fan do poder inxustiza e son divertidas e mordaces.

     Gonzalo Navaza escribe, en verso, co seu inmenso saber poético, algunhas fábulas ben coñecidas. E faino coa mestría de quen coñece a forza dos versos ben empregados e o humor que respiran estes pequenos relatos de intención moralizante. Agradécese este exercicio poético que permite aos lectores e lectoras desfrutar da música e do ritmo dos versos xunto á historia que se conta.

     Quen non coñece a fábula da raposa e as uvas? Pois na versión de Navaza resulta un pracer. E remata así: “A fábula conclúe sentenciosa / que igual ca nesta historia da raposa, / hai en todas as partes / moitos parvos renartes / que dan en desprezar / as uvas que non poden alcanzar.”

     E vemos a ingratitude na fábula do aldeán e a cobra, percibimos como a cobiza fura o saco na da galiña dos ovos de ouro; o pracer que se sente cando o enganador acaba enganado que vemos nidiamente na fábula do galo e da raposa e, dende logo, a importancia de ter unha certeza, mais, moito mellor, dúas certezas.

     

Gonzalo Navaza

     Así son as fábulas. Ispe o ser humano e amosan os seus defectos e tamén poñendo riba da mesa as calidades morais positivas como a xenerosidade, a sensatez, o esforzo ou serenidade entre moitas outras.

Gonzalo Navaza consegue solventar moi ben os atrancos que escribir estas fábulas en galego pode supoñer e faino cunha graza que nos encanta. As fábulas nunca nos deixan indiferentes, convidan a reflexionar e non perden a vixencia porque as custións morais do ser humano perviven a través dos séculos.


     O traballo de ilustración de Orelí Pello é magnífico, cun cromatismo variado, dotado de vida que realza, con humor, o conxunto poético e estético. Esta ilustradora francesa afirma que en Fábulas contadas usa recursos como a metonimia ou a metáfora visual, xoga coa relación de escala, cos puntos de vista e usa o branco para compoñer.

 

     Fábulas contadas é unha fantástica proposta literaria que, sen ninguna dúbida, agasallará  entretidos momentos aos lectores e lectoras.


                                                                                              ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO