miércoles, 4 de noviembre de 2020

DARDO POÉTICO (LXVIII) "De Presenzas marcadas a Presencias marcadas y otras presencias"

 




No ano 2007 vía a luz un poemario moi importante para min: Presenzas marcadas. Publicouno Librería Follas Novas/ Follas Novas edicións, na colección Libros da Frouma cun magnífico limiar de Armando Requeixo. Nese libro reflectín o que para min ía ser a liña poética no futuro. E coido que, trece anos despois, así vai ser.

 


     No ano 2020, a editorial El Cercano, na colección Eiras Vedras, ao coidado de Manuel Janeiro, publica a tradución deste poemario coa inclusión de dez novos poemas inéditos. Traducidos por Alba Piñeiro e a miña colaboración recibe o título de Presencias marcadas y otras presencias. No mes de marzo íase presentar no Club Faro en Vigo. O confinamento pola pandemia impediuno.

      Foi a finais de setembro, No “Club Faro”, coa participación de Álvaro Otero e de Manuel Janeiro, director e deseñador da colección, por fin puidemos celebrar un acto ben interesante sobre este libro de poemas.

 


     Hai uns días, Rafa Valero e Guada Guerra, directores do Cíes Podcast, chamáronme para falar del. Eu, nunha conversa moi agradable, improvisei estas palabras que vou reproducir deseguido.

 

     



     A vida é un camiño que todos imos percorrendo cada un ao seu ritmo. A vida, pois, vén sendo unha presenza continua, que acolle diversas presenzas que a forman: a infancia, o medo, o amor, o desamor, as lembranzas, as relacións humanas, a familia, a memoria, a loita, os éxitos e os fracasos…en definitiva, todo aquilo que forma parte da esencia do ser humano.

     En Presencias marcadas y otras presencias, pretendo expresar como as moitas presenzas cotiás van construíndo o carácter das persoas e, xa que logo, configurando os seus comportamentos, tanto do quen escribe como de quen le os poemas. É o fenómeno da “identificación” tan presente nas obras literarias. Porque ocorre na literatura, e se me apuran, sobre todo na poesía. Sucede con moita frecuencia, que a poesía consegue esa capacidade real de convencer o lectorado de que o que expresan os versos pode sucederlle a el mesma, a ela mesma. E isto é algo que provoca unha conexión vital e emocional que fai do discurso poético algo moi íntimo.

     En Presencias marcadas y otras presencias intento falar de ausencias e de baleiros a través do equilibrio da palabra nuns versos espidos, intensos e directos. Sen artificios. Mesmo, formalmente, libres. E as ausencias -e non é un xogo de conceptos banais- tamén son presenzas na nosa vida.

     No poemario non hai verdades, senón impulsos vitais que dan corpo ás necesidades de cadaquén e ás vicisitudes coas que nos enfrontamos día a día. Verbas para vencer a escuridade, para definir as paisaxes e indefinicións que nos envolven, cando non nos atormentan. Verbas para mirar cara atrás e para non desviar a ollada no futuro. Verbas que queren facer da esperanza e do coñecemento un obxectivo humano perante a deshumanización que estamos a vivir.

 

                           DOUS POEMAS

 

 

Perdín as sílabas nas pucharcas

que semellan feridas na pel da terra.

   Sílabas de neve

                de loito

                 de misterio

atopadas nos dicionarios do esquecemento

para crear as palabras

                      da memoria.

Buscarei outras

     no frío dos ollos que vixían

      para que non se perdan as olladas da esperanza.

 






Me cegó la luz


donde anida el sudor

              de aquellos que supieron luchar

                                            en un tiempo

                                                         de venenos

                                                                    y

                                                                      mentiras.

Callé, froté los ojos con mis dedos tímidos,

              y me puse a escuchar

                                                  el anverso de las sombras.

 

                                                                                          

                                                                                ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO