O lector senta na butaca e abre o libro que ten entre as mans. O último de Ledicia Costas. Infamia (Xerais, 2019), di a capa. Título que xa atrapa a atención. A primeira novela para adultos da autora, din os anuncios e os críticos. Aínda que, ben mirado, calquera bo libro infantil e xuvenil é tamén un libro para adultos.
E o lector mergúllase nese mundo literario que recoñece porque resulta ficar preto do mundo real no que el creceu e viviu durante moitos anos. A chuvia que non cesa. O frío que se mete pola pel e entre os ósos. A universidade semellante a aquela na que estudou el.
E o lector desfruta coa trama deste thriller psicolóxico. Aínda que, ben mirado, non está diante dun thriller psicolóxico, senón dunha novela coral, desas que adoitan describirse coma de personaxes. Porque en Infamia non se trata realmente de atopar o asasino nin de saber quen cometeu os crimes estarrecedores e infames que nela se narran. O que verdadeiramente importa é comprender os personaxes que desfilan polas súas páxinas, todos eles con anceios e angurias, cun presente e cun pasado, e quen sabe se cun futuro. O que interesa é descubrir eses segredos inconfesables que se agochan nos lugares máis íntimos e profundos e cos que temos que aprender a convivir.
O lector avanza con rapidez na lectura da obra. As páxinas van pasando case sen que el se dea de conta. E tamén pasan as horas sen que se decate.
Fóra, do outro lado da fiestra, chove arreo e vai frío. Infamia é unha novela para ler na butaca preto da ventá e da cheminea, porque é unha novela de inverno, de inverno galego. Arredor dos seus personaxes van mesturándose o agora e o antes, o aquí e o entón, os sucesos do pasado que determinan o presente. É unha historia que fala de asasinatos crueis, de abuso de menores no seo da Igrexa, de acoso laboral e social. Pero tamén fala da soidade das persoas, das dificultades do amor, dos soños e das esperanzas que caen esnaquizados por sucesos que os individuos non poden controlar. É unha novela que nos permite coñecer mellor á autora a través dos seus personaxes.
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ