O lector coñeceu a Petros Márkaris porque lle falou del o seu amigo, o admirado Agustín Fernández Paz: “É unha novela
negra diferente, comprometida e moi deste tempo”, díxolle o escritor de
Vilalba.
O lector, coma sempre, fixo caso da
recomendación e comezou a ler algunhas novelas deste escritor nacido en
Estambul en 1937. Chamoulle a atención ao lector
a súa colaboación co cineasta Theo Angelópoulos
e a súa serie policial protagonizada por Kostas Jaritos.
Axiña comprendeu que Márkaris era un notario da súa época. Na súa obra apunta directamente á sensibilidade do lectorado para facelo comprender a realidade que o reodea e para que decida a posición que debe tomar diante dos problemas dunha sociedade que sangra e que traspasa as fronteiras de Grecia ou Turquía para facerse patente noutros espazos.
O lector
decidiu ler un libro que estaba perdido nun andel da súa biblioteca e que
lle permitiu ler tres relatos policiais e outros de verdadeira actualidade
sobre os problemas que a emigración forzosa provoca nas persoas.
O lector
leu La muerte de Ulises e, unha
vez máis, volveu sentir feridas fondas no seu ánimo.
Petros Márkaris
trasladou ao lector a preocupación
que lle producen os lados escuros do ser humano.
E o lector
sufriu cos enganos, coas intransixencias e coa falta de sentido solidario dos
personaxes que aparecen nestes relatos. O lector tocou a tenrura en moitos
ocasións pero sentiuse alterado diante da mesquindade humana. Porque nestas
narracións variadas aparece a envexa máis cruel que pode levar ata un
asasinato. Retratados quedan os vellos rancores e as mafias que nos países
dominan sobre as minorías étnicas, a intransixencia relixiosa e a xenofobia.
E o lector
sofre cando, no relato que dá nome ao libro, un ancián quere retornar a
Estambul ao verse preto da morte -porque aí comezou a soñar- e le que unha
organización paramilitar turca couta os seus soños.
Sente anguria o lector. E sente unha rabia contida que
debe racionalizar. Aplaude esa crítica social dura, crúa e sen rodeos, que
conteñen os relatos perante feitos que non deixan de repetirse.
Emigrados gregos,
turcos. Persecucións, medos e ningún consolo.
E o lector comprende a Petros Márkaris e
agradécelle o seu ton directo, cheo de enxeño, mentres lembra para si mesmo a situación
da Grecia de Syriza tan maltratada polo Banco Central Europeo.
A lucidez de Márkaris consegue emocionar o
lector. Faino pensar e empúrrao a ter ben presente o moito que os poderes
fácticos continúan a condicionar vilmente o desenvolvemento dos países nesta
sociedade neoliberal que padecemos..
E,unha vez máis, esa toma de conciencia
prodúcese a través da literatura, como non pode ser doutro xeito.