lunes, 25 de noviembre de 2019

"O DÍA QUE COMPRENDÍN PARA QUE SERVÍAN AS HUMANIDADES", artigo de MANUEL VEIGA





Dá gusto ler os artigos de Manuel Veiga. Están moi ben escritos, moi ben estruturados e enfróntase o autor a temas que están aí e sobre os que é moi san reflexionar e debater.
     Por iso e por moito máis, sempre é unha festa publicar un artigo deste escritor e xornalista, inquieto e crítico, que coa palabra abre portas a pensar. Ademais, coas súas atinadas exposicións  Manuel Veiga crea un espazo de discusión moi necesario e que Versos e aloumiños se sente moi honrado de propoñer.




Manuel Veiga




O día que comprendín para que servían as humanidades


Manuel Veiga Taboada


Recoñezo que até hai pouco non era capaz de facer unha defensa clara do estudo das humanidades ou, polo menos, non era capaz de facela en poucas palabras.

     Todos levamos anos notando como unha brisa fría que nos di que as humanidades non son útiles, que tal vez no pasado tiveron moito sentido, pero que hoxe deberiamos reducir as horas que se lle dedican para destinalas á física, ás matemáticas, á informática, á bioloxía. De onde procede esa brisa incómoda e constante? De certos gobernos, de certas empresas quizais con intereses tecnolóxicos, de artigos que aparecen nos medios e de entrevistas con expertos. Non o din de modo moi claro: fóra o latín (ben, iso si o din), fóra a filosofía (ou menos tempo para a filosofía), para que saber de literatura (iso quedaría para o tempo libre, aínda que mellor sempre un ensaio que unha novela), non se atreven aínda coa historia (grazas a esa frase tópica de que non coñecela é repetila, pero nunca deixarán de engadir outra celebre frase: estudar historia non ten saídas). ¿E que dicir da psicoloxía nunha sociedade que deixa os enfermos en mans case exclusivas dos produtores de fármacos, das familias e do aparato xudicial?

     E non me digan agora que o estudo de linguas si se defende, porque non é exactamente así. Non se defenden as linguas como unha riqueza para a imaxinación, como unha mostra patente da variedade humana, como achegamento a outras culturas, nada diso ou case nada. O que se defende é unicamente o inglés para facilitarlle os negocios á túa futura empresa (ou para ser camareiro en Mallorca). E non se defende o monolingüísmo materno en inglés porque aínda non se ve posíbel, pero algúns, de tan obsesionados, parecen case a punto de esixir o internado dos recén nacidos lonxe das súas familias, como fixeron en Australia cos aborixes. 

     
Manuel Castells
Pois ben, a pesar de todo isto, recoñezo que até agora non viña encontrando os argumentos suficientes para defender o ensino das humanidades, cando menos á mesma altura das ciencias chamadas duras. E cando me puña a escoitar aos que defendían esta postura tiña case sempre a impresión de estar oíndo constantes tautoloxías, algo así como o si porque si. Parecíanme argumentos tan ben intencionados como un chisco antigos. Argumentos movidos pola inercia e por unha vacua moral. Esa era a sensación que tiña.
E isto foi así até que, hai pouco, lin unha entrevista co sociólogo Manuel Castells. Castells explica os avances que traerán consigo, nos próximos anos, as novas tecnoloxías. Por abreviar, mencionarei só a atención sanitaria non presencial, que chegará a facer posíbeis as operacións a distancia, e o ensino: clases á hora que se escolla, posibilidade de acceder a múltiples coñecementos, interacción en rede, etc.

     Tras describir esta probábel evolución, Castells lembra que todo isto choca, por exemplo, coa realidade actual das listas de espera ou co escaso uso que se fai da informática básica actualmente nos centros de ensino. E conclúe afirmando que estamos a vivir unha gran modernización tecnolóxica en medio dun enorme atraso social.
Aí esta a clave que faltaba, díxenme. Hai un desfase entre o desenvolvemento da ciencia e a súa asimilación. Mesmo, hai casos nos que parece que camiñan en sentido contrario: tecnoloxías para facilitar a vida e ideas que parecen querer retrotraernos a un pasado escuro.

     Ese é o lugar onde entra a importancia das humanidades. Iso é o que pon de manifesto que esa brisa que nos golpea case todos os días na cara para dicirnos algo así como: “vaiamos ao útil e deixémonos de especulacións que a nada práctico conducen”, en realidade forma parte dunha ideoloxía equivocada, supoño que en certa medida inconsciente por parte de quen a di, pero en todo caso altamente perigosa.

     En último extremo, podería conducirnos a unha sociedade de relacións case feudais pero con técnicas futuristas. De aí que haxa que deter ese vento, antes de que nos faga verdadeiro dano e deterémolo explicando para que serven as humanidades, porque as humanidades serven precisamente para deter iso, para que a tecnoloxía traia cousas boas e non malas, porque todas as técnicas poden ser mal utilizadas, poden ser aproveitadas por uns poucos ou por todos, poden traer a saúde ou traer a guerra, pode curar enfermidades ou envelenarnos.

     Que sucede, por exemplo, no ensino? Pois que os profesores non son axudados a actualizarse. En lugar diso, os gobernos trasládanlle a eles as súas tarefas administrativas. Co obxectivo de reducir funcionarios na propia administración, os profesores pasan a estar cada día máis ocupados cunha burocracia inútil.
Non lles queda tempo nin ganas, nin lle poñen incentivos, para que actualicen tanto os seus coñecementos como o método de ensinalos. De aí que as clases de bioloxía, por exemplo, vaian sempre bastante por detrás do que a ciencia xa sabe a día de hoxe e que se desaproveiten medios novos que serían moi útiles para facilitar a comprensión do alumnado.

     E que ocorre con eses alumnos? Pois que están desbordados, colonizados por certas prácticas tecnolóxicas, as máis lúdicas e tamén as máis repetitivas e improdutivas. Curiosamente, os que claman pola utilidade insisten en modelar unha mocidade permanentemente entretida con xogos banais.
A técnica non mellora todo o que podería as novas xeracións, senón que en boa medida crea un vicio. É como xogar ao tute ou ás máquinas de flipper pero con utensilios diferentes. As tecnoloxías non se dirixen a eles, ou non o fan moitas veces, para ampliar o seu horizonte e orientar o seu criterio, senón para convertelos en clientes adictos.

      E por que todo isto está sucedendo así? Pois porque os gobernos, dependentes en exceso de toda a contorna económica e social que as empresas tecnolóxicas crean, non se preocuparon até agora de desenvolver o aparato crítico suficiente que derive nunha lexislación que protexa os nosos dereitos. E non estou a falar de restrinxir as liberdades, como algúns queren facer coas redes sociais, senón de educar e defender os cidadáns do poderío das empresas. Para empezar moitas delas non pagan os impostos que deberían. Elas mesmas cren que todo lles está permitido. En segundo lugar, está a súa tendencia a privatizar e monetarizar, así como a crear monopolios.

     Neste sentido operan como empresas do século XIX, como se a moderna lexislación protectora e defensora do individuo non fose con elas. Son empresas da terceira o cuarta revolución industrial que pretenden actuar recoñecendo só os dereitos sociais que había cando se produciu a primeira.

     Velaí a falta de dereitos dos traballadores de Amazon que xa provocou varias folgas ou o traballo precario que xeran moitas Apps. Comeza a haber centos de traballadores que non saben sequera para quen traballan, nin teñen a posibilidade de sabelo, como nunha película distópica.

     Neste momento, urxe, entre outras cousas, que os gobernos invistan en educación, en todos estes sentidos que se derivan do que vimos falando. Pero o que están facendo é reducir gastos, aprobar recortes. Cando o Estado se subsume, o resultado é que aumenta o atraso social. Por esa razón a distancia, anunciada por Castells, entre tecnoloxía e mentalidades é cada vez máis grande.
Non estamos ante un proceso causado polo azar, estamos ante unha política ou unha ausencia de política que se pode volver perigosa, que pode acabar debilitando a democracia e, aínda que semelle paradoxal, reducindo o nivel de vida de gran número de persoas. Estamos condenados a que a nosa mocidade estea formada por un pequeno número de enxeñeiros e por un número bastante maior de repartidores en bicicleta, sen seguridade nin dereitos?

     Pois ben, para coñecer, analizar, falar e decidir sobre todo isto son necesarias, imprescindíbeis, as humanidades, a filosofía, a historia, a socioloxía, a psicoloxía e a literatura. Grazas a elas non só razoamos mellor senón que tamén nos coñecemos mellor como humanos, medimos as nosas capacidade, sabemos o que nos convén e imaxinamos alternativas. Esa é a súa utilidade. Sen elas, o mundo será un inferno tecnolóxico e as relacións humanas unha sofisticada selva.