A ESCOLMA DE ANTONIO
Vicente Araguas*
Tan
caladamente, coa mesma elegancia coa que vai pola vida, Antonio García Teijeiro
exerce “tamén” de poeta para todos os públicos. E digo isto ben axiña pola
sinxela razón de que no país onde o
persoal adoita non consentir mais que un par de ideas García Teijeiro
corre o risco de ficar encapsulado niso que se chama, tan ambiguamente,
literatura infantil/xuvenil (unha das miñas mellores alumnas, chámase Isolina,
lía aos catorce anos a Bukowski, eu mesmo, a tal idade, “Crime e castigo”, con
proveito) na que acadara todo un Premio Nacional. Isto último polo libro
“Poemar o mar”.
Vicente Araguas (FdV) |
E por certo que con música propia ou allea (textos de
García Teijeiro teñen sido musicados por Paco Ibáñez, o noso primeiro musicador
de poemas, que non exactamente cantautor), citas de Bob Dylan ou Luis Eduardo
Aute para abrir o apetito diante de pratos propostos polo autor vigués (de
1952).
Dun
autor que compre ler de vagar, cun corazón aberto para tanta fondura conceptual
servida cunha linguaxe sinxela, con poucas imaxes (as xustas). Porque Antonio
García Teijeiro segue aquilo que lle dixera a actriz pucelana Margarita
Calahorra a un xeitoso máis desaforado Agustín González “¡La mitad, Agustín, la
mitad!” Por iso gusto tanto da poesía de Antonio García Teijeiro, un home que
embrida a súa linguaxe para dicirnos moito máis con menos. E -sobre todo-
deixemos, de momento, nunha beira do camiño (xa volveremos a ela) o Antonio
García Teijeiro da literatura infantil-xuvenil. Sexa isto o que fose, que eu
sigo a non o ter moi claro. Si o que me presta que este poeta acadase o Premio
Nacional de Literatura por un libro en galego.
*Texto
publicado no Suplemento Dominical do Diario de Ferrol o 21 de xullo de 2019.