TÍTULO: Street Poems
AUTOR: Fran Alonso
EDITORIAL: Edicións
Xerais . COLECCIÓN: Sopa de Libros
Dende que lin Cidades,
hai xa ben anos, comprendín que a poesía de Fran Alonso (Vigo, 1963), dirixida á mocidade, levaba unha
orientación innovadora e estaba enfocada a presentar moitos camiños ao
lectorado.
E sucedeu, tamén, con aquela poesía que
Fran Alonso escribiu para as primeiras idades. O meu gato é un poeta e Poemas
birollos para ler cos ollos son un claro exemplo do que estou a dicir.
Teño nas miñas mans un novo poemario deste
autor vigués: Street Poems. De novo, convencionalismos fóra. De novo, procurando o interese do lectorado
mediante poemas para ver. poemas para
que se identifique coa realidade artística circundante calquera lector/a, para
que sintan a proximidade dos textos tirados dos muros das rúas xunto cos seus
propios. Uns serven de inspiración aos outros e a creatividade do poeta non ten
cancelas.
Todos eles están impregnados de rebeldía.
Son golpes de voz dun certo carácter subversivo. Removen conciencias e non
deixan indiferente a ninguén.
Atopamos en Street Poemas fotografías
que Fran Alonso foi facendo de textos e imaxes pintadas en muros e paredes. El
mesmo explica a procedencia dos poemas nunha introducción ao poemario: Este
é un libro que foi medrando aos poucos na miña cabeza. Comecei hai catro anos,
fotografando aqueles graffiti ou intervencións de “street art” alí por onde
pasaba, inicialmente de xeito esporádico e ao final de xeito sistemático.
Si, porque o que Fran Alonso ía atopando
(tags, murais nunha parede, edificio, vagón dun tren ou nunha árbore)
converteuse, case sen querer, en intervencións que o levaron a crear este libro
tan singular. O poemario dun autor atrevido que crea espazos de plástica e
poesía con poemas gamberros, críticos, inconformistas.
Un poemario de denuncia, reivindicativo
cen por cen no que imaxe e texto desenvolven un papel que se converte en reto
para quen entre neste mundo tan atractivo.
Poesía na nova dimensión. Poesía visual en
moitos casos. Poesía necesaria nunha contorna que precisa da creatividade en
toda a súa extensión. A expresividade visual e a palabra indomable feitas
poesía.
Un libro para permanecer.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO