miércoles, 7 de marzo de 2018

ESCAPARATE POÉTICO (CXV) Ismael Ramos







                                ISMAEL RAMOS  (A Picota, Mazaricos, 1994)






FÁBULA



Houbo un día no que meu pai me pediu que me pegase un tiro.
Isto non é un poema.
Na casa dos meus avós hai dúas escopetas.
Ismael Ramos
Ía sol e decidín camiñar costa abaixo.





O RECOÑECEMENTO  (II)



Os primeiros anos o fillo é un ser asexuado. un anxo. A inmobilidade.
O sexo do fillo aparece despois, querería dicir que tarde, pero tarde
non existe, é un convenio. Aparece coma un cambio de estación.
Unha alteración na temperatura. A humidade. É máis que nada un
desgaste. As propiedades do detalle. Unha parada nova de autobús.
Os anxos son froitos para o tacto.
O tacto estimula o sexo.
Así, o fillo é a confirmación de que Deus non existe.

                                                   *

Hai algo que só atopo no alcohol e o bildungsroman. Un determi-
nado estado do corpo. Íntegro. Descubrir na ducha pola mañá unha

mazadura.
Ese recoñecemento.






A MORTE SON OS FILLOS


O poema é o poema dos pais.
A ferida é a ferida dos pais.
A ferida dos homes.
As cicatrices tamén.
As cicatrices son un dos froitos da ferida.
Os fillos somos cicatrices.





AGOSTO


Hai barcos e pavillóns en chamas na cabeza da miña nai. O sol nas
físgoas da parra.
Unha presada de achas. Dedos.








(Do libro Lumes, editado por Apiario. 2017)