viernes, 16 de marzo de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (44) "Hermes, aprendiz de mago", de Manrique Fernández







TÍTULO: Hermes, aprendiz de mago.



AUTOR: Manrique Fernández.
Manrique Fernández



ILUSTRACIÓNS: Mariana Alejandra Aravena.



EDITORIAL: Galaxia. Colección: Árbore.




O xornalista e escritor galego Manrique Fernández achégalles aos lectores a partir de dez anos esta pequena peza teatral que supón a súa estrea dentro do eido da literatura infanto-xuvenil.

     
     Hermes, aprendiz de mago preséntase nunha única escena e con seis personaxes: dous, humanos e catro monicreques ( a curuxa, o sombreiro, o pote e a túnica) que cobran vida para axudar o seu dono e amigo, Hermes. Este é o mozo protagonista da historia que se desenvolve na cova onde se prepara para obter o título oficial de “mago”.

    
     Na súa aparente sinxeleza radica unha dobre lectura onde se descubrirá como o traballo en equipo, a solidariedade e a amizade son compoñentes importantes non só para lograr os propios obxectivos, senón tamén para derrubar prexuízos e crear entre todos un mundo máis habitable.


     O feito de que estea estruturada nunha soa escena xunto coa información do propio autor convida á súa representación, que tamén se ve favorecida polo emprego dunha linguaxe clara e salferida de humor suficiente para crear unha atmosfera máis propicia para a solución dos conflitos e dificultades.
 
Ilustración de Mariana Alejandra Aravena


     As ilustracións de Mariana Alejandra Aravena son as encargadas de darlles vida a todos os personaxes, facendo fincapé na súa caracterización externa pero tamén na súa expresividade.

                                                                                                      ALBA PIÑEIRO