Mostrando entradas con la etiqueta apiario.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta apiario.. Mostrar todas las entradas

lunes, 26 de diciembre de 2022

ESCAPARATE POÉTICO (CXXXVI): Antía Otero

 




                                   ANTÍA OTERO (A Estrada, 1982)



 

 VANITAS #1

 

  Os ausentes afástanse

podrecen entre as lousas

o seu brillo non é enigma

só fósforo de osamenta

 

porén

Antía Otero (Foto de Tamara de la Fuente)
os presentes respiran

traman o desembarco

nas frangullas do pan prenden lume

aman o mol e os incendios

o estado da náusea

todo o perpetuo

 

-que difícil extinguilos-

 

guindas os segredos

toda conxunción

mais sempre porfían

 

agardan na distancia

coa deformidade dos reloxos

 

 

revíranse

 

espreitan na noite

calquera fenda

para poder volver.

 

 


APOTEOSE #2  


Fantástica traxectoria de Apiario

Chorábase o día da mata.

Non todos. Só ela.

Marchaba camiño arriba

-xa pasou, xa pasou.

 

Despois colliamos os baldes. Iamos lavar as tripas.

 

 

 



PAISAXE HISTÓRICA #5

Ribeira Sacra

 

 

A rocha ao pé das vides

relento nas figueiras

os anos cóntanse nos aneis dun tronco

na perda dos dentes

 

a chuvia que entrou a devorar as trabes

pingando no alzadeiro

 

violentar a couza.

 

O taquígrafo recolle

niños de ratos nas sabas

latexo da resistencia

un miñato sobrevoando a fin da tarde.

 

Solpor

 

a clareza loita contra o verde

faise tímida

logo espesa

 

a bifurcación silente

o nervio dos cans.

 

Noite

 

afastas o ruído

sentes o tránsito na paisaxe


que debuxas co dedo

 

ao fin cres.

Acariñas vagalumes.

 

 

 



CADRO DE XÉNERO

 

 

 

Poñiamos a pota no medio da mesa

os sucesos do telexornal marcaban o ritmo

entre garfo e bocado

cada xema coa súa clara

 

como un grupo de menhires

queriámonos estoicamente cos pés cimentados

un equilibrio megalítico

integrado no hábito.

 

 

Amar os pais

admirar a súa fatiga

non pedir o que non poden dar

soster os irmáns

repartir os bens funxibles

silenciar o que mancará de por vida.

 

 

O meu sorriso é unha anorexia do enfado

 

 

 

(Do libro Barroco, editado por Apiario (2022), na colección Cera Labrada.

 


viernes, 7 de enero de 2022

ESCAPARATE POÉTICO (CXXXII) Pablo Otero

 




                                            PABLO OTERO (Ourense, 1970)

 

 

Pablo Otero

 

                                Houbo un libro antes do libro.

                                E arredor del, que o rodea, coma a rosa seca.

                                Parecido a un parente vagamente escurecido, o libro é anterior.

                                A dinastía extinguida de príncipes meridionais que acumulaban moedas de sal.

                                Concibido unha e outra vez o libro, despoxado pola enfermidade.

                                Unha e outra vez despoxado.

                                Flores brancas de chumbo entre as páxinas.

 

                               Alí onde o salitre depositado delongaba as luces máis rancias enterramos o seu

                               nome. Morto coa palabra na boca, coma a laranxa esquecida na árbore.

 

                              Mira como a forma do oito contén toda a area.

                              E vai caendo dentro de min a voz ao interior do pozo.

 

                              **********************************************

 

                            O debuxo dunha árbore é unha parte da árbore.

                            No rastro que o lapis vai deixando o destino prospera; morrer  a mans dunha

                            xeometría.

 

                           Pero a árbore, cando nos daba de mamar a carón da fogueira, para que

                           tiveramos unha historia.

                           Antes de que anoiteza sorprenderanos no camiño.

                           Igual ca un morto que volve e conta como é a outra beira.

 

 

 




                                 ***********************************************


                                O meu avó ensinábame a mondar unha laranxa.

                                Atópoo alí sempre ao separar os cuarteiróns.

 

                                ***********************************************************

 

                              Se o silencio do mundo está no cume da montaña, vou subir descalzo.

                              Debaixo dunha maceira silvestre terei un soño, un soño cativo de resina e

                              formigas.

                              O día que as mazás baixen a rezar á fonte hei volver, por un camiño que me

                              queira levar.

                              Mira, todos os verdes se coñecen. Xa vou.

 

                              ************************************************

 

                             Sorprende a nosa capacidade para transformalo todo en tempo.

                             Talvez porque é o xeito de devolver as cousas do tempo ao seu lexítimo dono.

 

                             Volvo á casa para saber que estabamos alí os dous..

                             No mesmo tempo, onde unha vez fomos pasos, unha voz deixada no aire.

 

 


 

                                      (Do libro Darbo. Réquiem, editado por Apiario. 2021)


miércoles, 7 de marzo de 2018

ESCAPARATE POÉTICO (CXV) Ismael Ramos







                                ISMAEL RAMOS  (A Picota, Mazaricos, 1994)






FÁBULA



Houbo un día no que meu pai me pediu que me pegase un tiro.
Isto non é un poema.
Na casa dos meus avós hai dúas escopetas.
Ismael Ramos
Ía sol e decidín camiñar costa abaixo.





O RECOÑECEMENTO  (II)



Os primeiros anos o fillo é un ser asexuado. un anxo. A inmobilidade.
O sexo do fillo aparece despois, querería dicir que tarde, pero tarde
non existe, é un convenio. Aparece coma un cambio de estación.
Unha alteración na temperatura. A humidade. É máis que nada un
desgaste. As propiedades do detalle. Unha parada nova de autobús.
Os anxos son froitos para o tacto.
O tacto estimula o sexo.
Así, o fillo é a confirmación de que Deus non existe.

                                                   *

Hai algo que só atopo no alcohol e o bildungsroman. Un determi-
nado estado do corpo. Íntegro. Descubrir na ducha pola mañá unha

mazadura.
Ese recoñecemento.






A MORTE SON OS FILLOS


O poema é o poema dos pais.
A ferida é a ferida dos pais.
A ferida dos homes.
As cicatrices tamén.
As cicatrices son un dos froitos da ferida.
Os fillos somos cicatrices.





AGOSTO


Hai barcos e pavillóns en chamas na cabeza da miña nai. O sol nas
físgoas da parra.
Unha presada de achas. Dedos.








(Do libro Lumes, editado por Apiario. 2017)

miércoles, 9 de diciembre de 2015

"POESÍA HEXÁGONO. OLLADA E EXPERIENCIA. PROPOSTA E RESPOSTA NAS AULAS" : CANDO AS DESCULPAS PARA NON LEVAR A POESÍA AOS CENTROS NON TEÑEN RAZÓN DE SER.


Teño nas mans un libro dun interese excepcional. E non é un libro calquera, non. É un libro-experiencia, un libro-diálogo, un libro-proposta.
     Trátase de Poesía Hexágono. Ollada e experiencia.Proposta e resposta nas aulas. Un libro editado por Apiario, un proxecto editorial que me seduce moito, primeiro da colección Abella mestra.
     
     Cando a poesía segue a ser (xunto co teatro) a irmá pobre dentro das aulas, aparece este libro. Cando os mestres e mestras seguen a terlle medo á poesía, aparece este libro. Cando o alumnado precisa de mediadores entusiastas e parece non atopalos, aparece este libro.
     
     Poesía hexágono… contén seis ensaios breves, diferentes entre si, pero que forman un mosaico perfecto para que os docentes teñan unha visión variada e completa do que se pode facer nas aulas. Un enfoque que parte da experiencia, co obxectivo de que a poesía, a creación poética, se convirta en algo pracenteiro e provoque a estimulación das capacidades creativas dos mozos e mozas.
    

     Seis poetas dun prestixio incuestionable son os autores/as destes atraentes textos. Seis persoas que levan tempo facendo obradoiros de creación poética e que poñen preto do profesorado as súas propostas. Trátase de Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Celso Fernández Sanmartín, Carlos Negro, Antía Otero e Dores Tembrás.
     
     E como di Agustín Fernández Paz no seu interesantísimo prólogo: A poesía e o ensino levan unha longa etapa de desencontros. A poesía é un xénero minoritario, dísenos, e os adolescentes non se interesan por ela (daquela, como se explica o auxe do rap, das letras das cancións, das variedades da cultura audiovisual?). Eu penso, como Agustín, que esta afirmación é errada. Os rapaces emociónanse coa poesía, gozan con ela (a miña experiencia avala isto) e os adolescentes están nunha idade ideal para deixarse engaiolar pola palabra poética. O que lles falta é alguén que crea nesa bondade da poesía, que os seduza dende a paixón, que contaxie entusiamo, que llela presente dun xeito vivo e intelixente. Se se fai así, os alumnos notarán que a poesía pode habitar neles e que lles vai permitir interrogarse sobre o papel que xogan neste mundo convulso. Permitiralles coñecerse mellor e afrontar a complexidade da vida.
     
     Por iso este volume se fai imprescindible. Hai moita reflexión nel. Hai moita acción nel. Hai moitas canles que se descobren nel.
     
Yolanda Castaño
     
     Yolanda Castaño pon o acento na necesidade de rachar prexuízos en relación coa poesía e salienta a capacidade que esta ten para que exploremos os máis fondos sentimentos. Afirma que a poesía é a linguaxe literaria máis cualificada, expresivamente ambiciosa, rica,suxestiva, concentrada, sintética. A palabra menos superflua, a levada á súa máxima estilización. E engade que é obvio que educar o gusto pola poesía require un tempo e un proceso.
     
     
Carlos Negro
     
     Carlos Negro segue a liña desmitificadora que ben coñezo (por telo visto/escoitado nalgunha ocasión) e denuncia que rara vez a maioría dos docentes merca un libro de versos por propia iniciativa. Tras interesantes reflexións e iniciativas sorprendentes, déixanos un decálogo intelixente para unha poesía que se cadra non existe. Un dos seus puntos é este: A revolución da poesía xuvenil consiste en fender estereotipos, mais non desde unha trincheira ideolóxica, senón desde a dinamita das emocións. Aí queda iso, para que se tomen as notas máis axeitadas.
     
Estíbaliz Espinosa

     
     Estíbaliz Espinosa conta que, segundo a súa experiencia en obradoiros con nenos, e da súa memoria de ser nena tamén, a única materia da infancia é a curiosidade, porque di que vimos a este mundo ávidos e intrigados e reivindica o rescate desa avidez e esa intriga como tarefa que non debemos esquecer. De aí que o seu texto se chame “Curioseando” e nos presente experimentos que parten de algo minúsculo ou  interesantes haikus matemáticos. Que nos fale da física dun relato ou que nos introduza na literatura dixital.
     
Celso Fernández Sanmartín

          Celso Fernández Sanmartín, que non é filólogo nin mestre de lingua e literatura, dá un enfoque ao seu texto menos práctico que os anteriores e axúdanos a reflexionar afirmando que a súa proposta  podería ser simplemente cultural e hermenéutica (de lecturas de poesía e preguntas), e esperar o salto dese resorte natural que nos leva a imitar e explorar para ser máis que lectoras e lectores. E incide por enfocar a atención sobre cada palabra, pois digo que tomada en por si cada palabra, e non expresamente combinada, podemos xa falar de poesía. Discurso denso ao que convén prestar atención.
     
Antía Otero

          Antía Otero aposta pola exploración das posibilidades da videocreación con enfoques poéticos. Mesmo comeza o seu texto con esta frase: Este artigo quere falar de videopoesía, mais iso é unha escusa para pararnos e observar moitas outras cousas. E penso eu que ese vén sendo boa parte do espírito poético: a observación de todo o que nos rodea que é moito e diverso. E a autora preséntanos traballos (derivas e apuntes) con ou sen cámara que dan unha nova dimensión ao acto creativo en relación coa poesía.
     
     
Dores  Tembrás
     
     Finalmente, Dores Tembrás preséntanos unha vía interesante, a dos graffiti e a súa relación evidente coa poesía e foxe, coma Antía Otero, dos esquemas tradicionais de creación. Cando a autora descubriu nun muro esta pintada. Eu queríate / e ti botáchelo todo a perder, sentiu que era o detonante para decidirse a traballar con graffiti e poesía.E afirma que é necesario, para o fluír do obradoiro, tentar eliminar prexuízos ou preconceptos sobre o que ten ou non que gustarlles, o que se considera ou non POESÍA. E defende o anonimato do graffiti porque favorece a liberdade de opinión e pernmítelle conducir os motivos para explicar a construción do poético. Completan o seu texto propostas vivas que o mesmo se deteñen no binomio fantástico de Rodari que nas grandes palabras de W. Szymborska.
     

     O volume ofrece, ademais, unhas pequenas biografías dos autores e autoras dos ensaios, con senllas bibliografías e, nalgún caso, con ligazóns para ilustrar o explicado.
     
     Un libro indispensable se queremos explorar camiños que leven o noso alumnado a sentirse motivados e poder entender as moitas caras que a creación poética posúe. Un libro para reflexionar e para exercitar. Para ilusionar e enriquecer.
     
     Un acerto este Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta nas aulas, de Apiario. Un paso adiante no labor de achegar o feito poético a pequenos e maiores.
     
     Cada vez existen menos escusas para seguir afirmando que aos nenos non lles gusta a poesía.


                                                                                              ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO