domingo, 7 de enero de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (39) "O valo", de Carlos Labraña





TÍTULO: O valo.


AUTOR: Carlos Labraña.


ILUSTRACIÓNS: Nuria Díaz.


EDITORIAL: Edicións Xerais.




O valo é unha obra teatral coeditada pola AGADIC ( Axencia Galega das Industrias Culturais) e mais Edicións Xerais de Galicia dentro da colección Biblioteca Dramática Galega e que vén avalada por recibir o IX Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, 2016.

     O seu autor, Carlos Labraña ten un longo percorrido profesional no eido do teatro galego infanto-xuvenil, tanto no seu labor de creador coma de divulgador da palabra representada, traxectoria que o levou a ser merecedor de diferentes premios.
 
Carlos Labraña
     O valo é unha pequena gran peza de teatro, co transfondo da guerra de Siria e  construída nun só lance, nun único espazo simbólico e con dous protagonistas aos que o tempo da historia dunhas poucas horas, chegaralles para coñecerse e descubrir a verdade e as mentiras que se agochan tras o valo da falta de liberdade, da opresión, da crueldade e toda a ruindade que hai tras as palabras guerra e fronteira territorial.
 
Representación de "O valo". Pallasos en Rebeldía
     
     A través dunha linguaxe coidada artellada con intelixentes e fluídos diálogos, que convidan á reflexión, coñecemos a historia dos protagonistas. Unha nena orfa, Sahara, a rosa do deserto, sobrevivente da guerra que levou a todos os seus parentes e un soldado novo encargado de marcar os territorios e acoutalos con fronteiras arbitrarias como sinal  da intolerancia, a insolidariedade e mais a inhumanidade. Os dous pertencen a mundos antagónicos. Ela onde a barbarie se cebou cos máis desfavorecidos pero, aínda así, conserva a lembranza das voces dos seres queridos e a forza da palabra capaz de darlle vida a todo o que nomea, bisbea ou canta. El, un simple e triste soldadiño que nunca tivo criterio de seu, pois vive nun mundo intransixente, inxusto e de chumbo, dirixido pola involución do pensamento único que outorga o poder totalitario. O deserto vai ser o escenario do seu encontro e tamén a testemuña xunto coas estrelas do nacemento da súa amizade e, xa que logo, da esperanza dun futuro mellor no que xuntos derriben as fronteiras e poidan realizar os seus soños.
 
Ilustración de Nuria Díaz
     As expresivas e tenras ilustracións de Nuria Díaz afondan na caracterización dos personaxes e están en sintonía co ton textual.

                                                                                                       ALBA PIÑEIRO