martes, 2 de enero de 2018

DÚAS PROPOSTAS EDITORIAIS IMPRESCINDIBLES PARA O LECTORADO INFANTIL




Seguindo cos máis pequenos, falaremos hoxe de dúas propostas ben atraentes. Dúas propostas que nos presentan senllas editoriais que posúen nos seus catálogos libros dedicados a todas as idades e que coidan moito as publicacións para os máis pequenos.

     


     A primeira destas propostas vén da man de Edicións Xerais con dous álbums ben chamativos: Cincenta e as zapatillas peludas e Brancaneves e os 77 ananiños. O seu autor, Davide Cali, que naceu en Suíza en 1972, é un especialista en álbums ilustrados e novela gráfica. Dirixe o seu traballo, sobre todo, ao lectorado infantil e xuvenil. Un traballo que está traducido a numerosas linguas.
    
     


     Estes dous libros son recreacións dos contos clásicos (Cincenta e Brancaneves) e neles, ademais das moi expresivas e vivísimas ilustracións de Raphaëlle Barbanègre, atopamos un verdadeiro canto á liberdade, cuestionando os estereotipos aceptados que tanto impiden a educación na igualdade de dereitos e oportunidades de nenos e nenas. Todo isto contado cun humor desbordante, un forte sentido do ritmo e destaca, ademais, polos diferentes niveis de lectura que podemos apreciar na narración.

Maurice Sendak

     

          A segunda proposta ofrécenola a editorial Kalandraka na súa colección Tras os montes e trata, nin máis nin menos, do mítico Maurice Sendak, de quen non fai falla falar. Quen non lembra o fantástico Onde viven os monstros? Un pracer enorme velos deitados ao galego na versión de Xosé Ballesteros.
     

     Un dos varios libros que nos ofrecen é O un era Xoán. Un libro para contar, no que o talento de de Sendak nos leva a contar e a rimar do un ao dez para que vaian aparecendo personaxes e acontecementos neste singular libro de números. Poderán contar tamén á inversa e gozar de imaxes divertidas e lúdicas.

     


     Outro é Os caimáns van de paseo. Un alfabeto. Nel atopamos, ademais das maxistrais ilustracións de Sendak, a posibilidade de coñecer unha familia de crocodilos que pasean, xogan, cociñan e fan unha chea de cousas máis. Rimas cheas de humor a partir das letras do alfabeto para dicir en voz alta e gozar da inventiva sinxela pero lúdica deste escritor e ilustrador nacido en Brooklyn.

     Hai outros títulos desta minibiblioteca como Miguel. Conto exemplar ou Sopa de polo con arroz. Libro dos meses.Como os demais, atractivos e de lectura aconsellable sen ningún tipo de dúbidas.

     



     Dúas propostas editoriais necesarias, imprescindibles nestas datas de agasallos bastante irracionais, entre os que debe haber libros de calidade para os pequenos.
     
     Un luxo para a vista e unha necesidade para que os pequenos e pequenas da casa gocen dos libros que provocan pracer e axudan a un mellor desenvolvemento das súas capacidades.



                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO