miércoles, 29 de marzo de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (18) "Carlos Casares. Vida e literatura", de Damián Villalaín






TÍTULO: Carlos Casares. Vida e literatura.

AUTOR: Damián Villalaín.

Edicións Xerais.   COLECCIÓN: Merlín.



Edicións Xerais da man do escritor, xornalista, crítico teatral e editor, Damián Villalaín achégalle ao lectorado preadolescente (a partir dos once anos) este interesante libro divulgativo sobre a vida, obra e personalidade de Carlos Casares, autor homenaxeado das Letras Galegas deste ano.

          O feito de que o autor fose amigo e colaborador de Carlos Casares, dálle ao libro unha esencia persoal de respecto e agarimo, que non reflicte unha simple sucesión de datos, senón que provoca que o lector, a medida que vai lendo, realice un percorrido cronolóxico vital e profesional dunha das figuras senlleiras da cultura e literatura galegas do século xx.
 
Damián Villalaín
     Así coñece a súa infancia na Limia, tan importante para a creación de personaxes e ambientes literarios. A súa estancia no Seminario de Ourense, onde descubrirá a súa vocación literaria; a amizade con Vicente Risco, que o axudará a entender mellor os demais; os anos universitarios en Santiago de Compostela e a súa relación con Ramón Piñeiro e o galeguismo; a publicación do primeiro libro “Vento ferido”; a presenza de Kristina Berg, tan importante na súa vida… até chegar ao Parlamento Galego, a director de Galaxia e a Presidente do Consello da Cultura Galega. Ao longo dos nove capítulos que integran o libro, ademais de dous apéndices (cronoloxía e obras principais), o autor debulla información xunto con declaracións transcritas do propio Casares e fotos que acompañan as diferentes etapas.
 
Carlos Casares
     Esta estrutura apoiada nun léxico claro e nunha prosa fluída atrae a atención de calquera lector que queira coñecer o que representa a figura de Carlos Casares dentro da nosa historia cultural. Libro altamente recomendado para o ensino.

                                                                                            ALBA PIÑEIRO