miércoles, 12 de octubre de 2016

"COUSAS DE PAPÁ ", UN LIBRO-DISCO DE RAÚL GÓMEZ PATO PARA COMPARTIR VERSOS E CANCIÓNS COS PEQUENOS LECTORES.


A poesía para os nenos e nenas ten que estar mollada en afecto. Pero entendamos que afecto non quere dicir  apoucamento, sensiblerías ridículas e versificacións estúpidas.
    
     Afecto quere dicir intelixencia nos planteamentos: elementos que lles son próximos, rimas imaxinatixas, musicalidade ben equilibrada, imaxes suxestivas, ritmo axeitado aos versos, emprego de palabras escollidas con respecto  ao discurso que queremos desenvolver…É  dicir, a poesía infantil ten que ser consistente nos seus contidos, nas súas formas. Deberá ter un certo espírito lúdico que motive os nenos a cantar, a dicir en voz alta e a desfrutar co emprego da palabra rica e viva.

     De todo isto está impregnado o libro dun poeta que levo seguindo, hai xa ben tempo, e que fai unha incursión gozosa na poesía para a rapazada, Raúl Gómez Pato. Encántame a aparición de poemarios infantís de persoas que levan escribindo poesía “para adultos”. Alégrome que valoren os versos para os pequechos. E que se decidan a escribir eles ou elas para un público que precisa  mostras ben artelladas. Un paso cara á normalización lectora e, especialmente, poética.
 
Raúl Gómez Pato
     Cousas de Papá, que así se chama este libro-disco editado por Edicións Xerais, contén  17 poemas escritos sabiamente por Gómez Pato, dos que dez son postos en música por Héctor Lorenzo.
     
     Poemas vivos, con rimas asoantes e consoantes, con expresivas onomatopeas. Versos musicais centrados no día a día dun papá algo especial, quizais un pouco tolo, pero que non quere tocar o neno ou a nena “coas mans frías”, que diría Juan Farias. Versos que conforman un traballo lúdico, delicado, divertido, ademais de tenro e intelixente.
     

     Un papá que soña soños soñados nunha noite de vento ventado. Un papá que conta como se peiteaba unha serea nas augas do Miño, que escribe cartas desde Dinamarca e conta que vai de cea ao pazo dunha serea ou que un día marcha voando (ata cando?). Un papá que coñece un cano dunha fonte onde vive unha fada que ten luvas brancas. Un papá que –ris ras/ ris ras- ten unha serra que fai ruído cando cantan os paxariños no seu niño

     Poesía para saborear, para escenificar, para cantar. Non en van atopamos dez cancións magníficas para darle un novo enfoque ao poema (o musical) e converter os versos nunha festa. Coa música de Héctor Lorenzo e as voces e instrumentos del mesmo, de Paulo Silva, de Manolo Carballo, de Sérgio Tannus (músico excepcional), de Quim Farinha, da grande Uxía, de Ana Domínguez Senlle, gozaremos e participaremos dun traballo conxunto marabilloso, enriquecido, ademais, polas suxestivas e significativas ilustracións de Blanca Barrio.
 
Unha ilustración do libro. Blanca Barrio
     Libros coma este farán, sen dúbida ninguna, que adultos e pequechos/as se acheguen á poesía dun xeito festivo.

Grazas a Raúl Gómez Pato a este mundo fantástico da poesía infantil. Un pracer. Unha honra.
     Parabéns.

                                                                                                     ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO