Paco Martín |
De novo, a auga lizgaira de Paco Martín nas páxinas de Versos e aloumiños. E nun artigo no que, citando a don Álvaro, pon o dedo na chga desta terrible realidade que é a violencia de xénero.
Un pracer ler os seus artigos.
Paco Martín é un clásico das nosas letras e dá gusto saborear a súa palabra en todas as ocasións.
Aires, mulleres e cortesías
Paco
Martín
Don Álvaro Cunqueiro, o mestre
imperecedoiro, na introdución que fai en As
crónicas do Sochantre para nos debuxar ós lectores a Bretaña na que se
desenvolve a novela –nación de doña Ginebra,
mi ama, que ten alí un pazo, dúas roseiras i un reiseñor, como dixera xa no
Merlín e familia- escribe: Os vivos en Bretaña coñecen si os áers que
corren son difuntos ou non, e quítanlle o sombreiro a unha brisa de maio,
porque aduviñan que é a fermosa Ana de Combourg que pasa sorrindo por entre as
ponlas verdes das abidueiras. Mozos hai que se namoran dun áer...
E quen está a ler, fóra de cal sexan a
súa idade e condición, fóra do lugar e do tempo no que o faga, ten que erguer a
ollada do libro e pechar as pálpebras para saber do case imperceptible murmurio
que treme, errabundo na longura sutil do aire, mentres agarda o merecido
respecto dun saúdo galante.
E, se cadra, si que corren e non nos
paramos a saber deles. Non pido que outros o fagan, pero eu, por se acaso,
penso hoxe quitar o sombreiro da miña solidariedade todas cantas veces crea que
debo incluír no meu respecto ás mulleres vivas a consideración que aqueloutras
tamén merecían e, desgraciadamente, nunca tiveron.