Foto: Anxo Cabada
A MESTRA
A mestra chegaba á
clase todos os días cunha bolsa de tea chea de libros. Metía a man nela e
collía un deles ao chou. Sentaba na mesa, abríao e lía para si. Os nenos
mirábana en silencio. Daquela, a mestra erguíase e comezaba a lerlles en voz
alta historias de animais, de encantamentos, de maxia ou de bruxas.
Os nenos ficaban pampos escoitando as súas
verbas marabillosas. Sorrían timidamente. Estaban engaiolados. A mestra, co
libro nas mans, sinaláballes as
ilustracións. Os nenos non perdían detalle do que a muller lles contaba con
verdadeiro entusiasmo.
A mestra tamén lles lía poemas. Gustáballe
ler poemas en voz alta. A mestra cultivaba unha complicidade literaria cos seus
alumnos pouco habitual. Abría o libro e dicía os poemas perdéndose entre as
ringleiras de nenos e nenas, mentres lles miraba aos ollos con tenrura.
A mestra recitaba, cunha entoación
engaiolante, a Rosalía, Lorca, Manuel
María, Juan Ramón e tantos outros. Os cativos gozaban cos contos e os
versos na voz da mestra.
A mestra sempre levaba libros con ela. Era
unha necesidade. Non concibía unha vida á marxe da literatura, nin unha aula
sen a palabra literaria flotando no ambiente.
Á mestra emocionábanlle eses rostros
infantís que debuxaban sorrisos perante os seus xestos e inflexións de voz. A
mestra facía súa a afirmación de Alberto
Manguel: “O amor pola lectura é algo que se aprende pero non se ensina”.
E nesas andaba ela.
(Publicado no semanario "A Nosa Terra")
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO