Xulio García Rivas diante de dúas sabas na casa do Ferreiro (Foto de Ángel Utrera) |
Hai algún tempo, o meu amigo Xulio García Rivas chamoume para dicirme que se tiña sabas vellas non fixese farrapos con elas. Díxome que as necesitaba. Que estaba a pintar nelas.
Quedei abraiado e el comentoume as
vantaxes que pintar sabas tiña, ademais de ser unha idea moi orixinal. Escoitei
atento as explicacións do meu amigo e pensei que se el comentaba iso era algo
que debía ter en conta.
E así foi. Cando no seu estudio da Coruña,vin
unha pintada, emocioneime. Posuía unha vida extraordinaria. Arte viva, pura
maxia.
Unhas datas atrás, Xulio cumpriu un dos
seus soños: expoñer na súa terra natal. Así que en Borraxeiros e n´Agolada,
brillaron, por fin, as sabas de Xulio García Rivas. Foron para el dous actos
emocionantes. Porque, non o esquezamos, Xulio é un ser ben sensible, apracible
e dunha bondade que contaxia.
Pedinlle para Versos
e aloumiños que escribise un texto sobre
as súas sensacións nesa xornada inesquecible na que estivo tan ben acompañado por
persoas que o queren como merece. Fíxoo con moita ilusión, como todo o que el
crea.
Incluímos, ademais, un documento moi
fermoso: uns comentarios poéticos de Xosé Vázquez Pintor sobre algunhas das
sabas expostas. Textos que levan por nome “Como unha luz”.
PAISAXES
DO AZAR. Pintura sobre tea de saba.
“ O azar é
un salto co que nos poñemos fóra do alcance de nós mesmos “
John
Cage.
“ A maior
perfección é de aparencia imperfecta pero a súa acción é inesgotable
Lao
Tse. Tao Te King. Fragmento . XLV.
As
pinturas pertencen a unha serie de obras realizadas sobre sabas . O título das
obras débese a que estas sabas utiliceinas para protexer o piso do estudo das
manchas e salpicaduras producidas ao pintar. Pero un día díxome a voz do azar
que alí , naquelas sabas salpicadas, había Paisaxes e Xardíns que eu podería
descubrir se escoitaba o misterio do seu espírito . A paisaxe xurdiu da propia
pintura e dos soños xerados polos corpos que habitaron os espazos da noite
incendiada de cores , beixos, amores, aloumiños, soños, emocións, luces, claroscuros, auga,
vento e treboadas nos beizos da natureza.
En
todas estas pinturas o Azar é un
elemento compositivo fundamental aínda que tratase dun Azar no que a improvisación , no sentido da música
de Jazz, e a capacidade de suxerir das manchas e salpicaduras que caen
aleatoriamente nas teas axudan a que os trazos
das brochas e pinceis configuren as paisaxes e xardíns que encontro nas sabas.
Interésame moito a pintura sobre sabas porque,
debido a que a saba carece de imprimación, a pintura seca inmediatamente
permitindo sobrepintar con capas moi leves , diluídas e gran cantidade de auga.
Ademais de requirir traballar rapidamente, con espontaneidade, e sen a posibilidade de retocar ou corrixir
cunha técnica semellante á da Acuarela. Para min é determinante que a pintura
se realice cun movemento e trazo directo para que a emoción de mente e man ao
pintar sexa a verdadeira realidade da
obra . Comparto o que nos di o meu admirado Joan Hernández Pijuan : “ Mis cuadros son golpes de emoción : ¡ Paf…. Y se acabó! “. Tamén quero
mencionar aquí, xa posto a facer citas de amores pictóricos a Caspar David Friedrich : “ A
tarefa do paisaxista non é a fiel
representación do aire, da auga, das
rochas e das árbores senón que é a súa
alma , o seu sentimento o que ten que reflectirse “. Friedrich xunto
con Turner son , dos pintores
europeos , os que teñen un concepto da paisaxe máis semellante ao espírito da
Estética Taoísta.
A
Exposición realizouse en Agolada e Borraxeiros
porque me pareceron dous dos
espazos que mellor encaixaban co espírito destas pinturas sobre saba, como me dicía
Alicia que sempre me falaba
do ben que quedarían estas sabas nos Pendellos e Borraxeiros. A Casa do Ferreiro dentro do recinto dos
Pendellos posúe un encanto intimista e
máxico, ademais de ser a Casa máis fermosa dos Pendellos que foi restaurada
con sensibilidade e respecto a
construción orixinal. O local da Asociación
Nós de Borraxeiros , no meu lugar natal da Guillerma, foi anteriormente sede do Concello de Agolada
e posteriormente escola á que asistín de neno sendo a mestra a miña tia Adela. Quero destacar a axuda na montaxe da exposición de Anxo Barreiro, do meu fillo Xavier
e dos meus curmáns Agapito e Xosé Luis.
A
Asociación Nós de Borraxeiros está
dirixida por Marga Negro e Sonia López, unhas mozas
que están realizando xunto co seu equipo un traballo admirable organizando
durante todo o ano actividades de moito interese cultural para os veciños da
parroquia de Borraxeiros .
Xulio entre Sonia López e Marga Negro. |
Estes
dous espazos teñen para mín un grande valor emotivo. Se “a infancia é a patria do home” ( Rilke ) estes lugares, especialmente
Borraxeiros, son a miña verdadeira patria.
O
día 12 de Agosto presentouse a exposición na Casa do Ferreiro coincidindo
coa Feira Tradicional do 12 en Agolada
e dentro da celebración da XIX Feira de
Artesanía organizada polo Concello e coordinada por Inma Galego.
Intervención de Miguel Anxo Fernán Vello. (Foto de Ángel Utrera) |
No acto de presentación participaron os meus queridos e admirados Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán Vello e Xosé Vázquez Pintor. A continuación dirixímonos cara a Borraxeiros, que está a só catro kilometros de Agolada. Alí no espazo da antiga escola e rodeado da miña familia e dos veciños de Borraxeiros vivín o momento de máis fonda emoción. Xosé Vázquez Pintor deu lectura a un poema que lle dedicou a Alicia miña compañeira no camiño da Arte e da Vida, que xa non está con nós. A Pintor tamén lle custou dar cabo á lectura e non puido conter algunhas bágoas. Démonos un grande abrazo como irmáns que somos da Terra do Medio.
Para
completar o día fixemos unha pequena xira
turística. Visitamos o Pazo de Borraxeiros (s.XVII) e a
Igrexa de Ventosa (S.XIII) na que puidemos admirar un baldaquino con unha
marabillosa colección de escultura. Xornada inesquecible chea de intensas
emocións para gardar na memoria e no corazón para sempre.
Xulio
García Rivas
"Coma unha luz". Xosé Vázquez Pintor
1. Coma unha luz, como unha
matria en pétalos do amor en alza, para que eu soñe en parte cos algúres da mañá cediña, sempre (XARDÍN DO AZAR ).
2. A cor da terrabarro e as
esencias da vida en aturuxo coma fíos de raíz e pranta cara as cumes do finito
que me agarda feliz.(XARDÍN DE CAMELIAS ).
3. A vertical da liña permanente
e azul o agarimo mailo xeito de soñar os cumes da esperanza.( ÁRBORE II )
4. A bidueira preta vai en obra
cara aos cumes de benvida: informe e corredor das tantas permanencias. (
ÁRBORE )
5. As cores do vagar e da
frieira cando o gris agarda para que a
nube baixe e sermos Gallaecia no profundo da benvida que senta en xove de mil
anos. Sempre. (PAISAXE )
6. No corredor da lúa desce o azul para que a flor da vida espelle dende o profundo das distancias. As
cores da noite en luz vermella e punto branco.( A LÚA CON FLOR PARA LAOTSÉ ).