lunes, 8 de enero de 2024

FAÍSCAS (17) "CONCHITA, A PEGADA INDELEBLE DA POESÍA". Un artigo de Noa García Garrido.

 




No IES Escolas Proval (Nigrán) decidimos comezar este curso con actividades de voluntariado. Emma Barbosa, a profesora de Economía, foi a iniciadora deste fantástico proxecto, que está vinculado ao programa Bibliotecas Escolares Solidarias. A primeira iniciativa que levamos a cabo foi o pasado 18 de decembro e consistiu na visita á  residencia de maiores Vila do Conde, situada en Gondomar. Alí o alumnado interpretou cancións populares galegas e recitou poemas de grandes voces da nosa literatura, como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Ana María Fernández, e, por suposto, Antonio García Teijeiro. O entusiasmo e o agarimo amosados polos estudantes mentres declamaban fixeron que moitos residentes se emocionaran e incluso nos pediran cantar o himno galego.

     

Un momento do tan emotivo acto


     Cando rematamos a actuación, empezamos a interactuar co público, e eu achegueime a unha muller, Conchita, coa que conectei dun xeito moi especial, pois díxome que era unha gran amante da poesía. A medida que iamos falando de literatura e de música démonos conta de que compartiamos a admiración por artistas como Alfonsina Storni, Víctor Jara ou Mercedes Sosa. Conchita contoume que a ela lle apaixonaba escribir poesía, pero agora xa non podía facelo. Esta incapacidade debíase a que había uns anos fora sometida a unha operación que non saíra ben e perdera moita mobilidade nas pernas e nas mans. Cando soubo que non ía poder escribir, sentiu unha angustia moi fonda. Comprendín perfectamente a súa frustración, porque, como ela corroborou, escribir é un acto íntimo que brota da sensibilidade individual: non é posible ditarlle a outra persoa o que queremos plasmar no papel.

     En palabras de William Wordsworth, a poesía é unha explosión de sentimentos reunidos en tranquilidade, e só quen viviu esas emocións pode transformalas en verbas líricas. A pesar da impotencia que sente Conchita, ela é unha muller forte e afouta que se solidariza coas causas inxustas, como me demostrou cando falamos da guerra de Ucraína ou do xenocidio da Franxa de Gaza. A súa vitalidade é realmente contaxiosa: oxalá todo o mundo denunciase de maneira tan firme os abusos aos que asistimos cada día.

     Despois de compartirmos impresións sobre a actualidade e sobre distintos detalles da súa vida, Conchita fíxome un agasallo moi especial: recitoume de memoria un poema que escribira de nova. Esta composición fora publicada nunha revista chamada O berro, editada pola asociación de veciños de Cabral. 

O poema está dedicado a Vigo e di así:

 

De Cabral os seus piñeiros,

de Lavadores os campos,

de Bouzas as súas ondiñas

e de Castrelos o pazo.

Piñeiros, pazo, ondiñas

e verdes e doces campos

levádesme o pensamento

cando lonxe de vós ando.

 

     Ao escoitar a Conchita rememorar o seu poema, empaticei coa súa nostalxia e sentinme moi conmovida polo amor que transmiten estas verbas cara ás parroquias da nosa cidade. A alma lírica desta poeta non esmorecerá nunca, porque a súa extraordinaria sensibilidade traspasa as limitadas fronteiras do papel.

                                                                                                                            Noa García Garrido



miércoles, 27 de diciembre de 2023

FAÍSCAS (16): "MEMORINA, CAMINO A BELÉN", un fermoso poema-panxoliña de Nieves García.

 




Memorina é unha personaxe entrañable, protagonista dun delicioso conto rimado da enorme poeta Nieves García e ilustrado pola non menos enorme Susana Rosique, que se chama Memorina va al mercado.

 

Editado por Narval Editores, esta obra dirixida, en principio, aos pequenos lectores, preséntanos a Memorina, unha rapaza esperta, espelida e cantaruxeira, pero, como lles sucede ás persoas intelixentes, é un pouco distraída.

A avoa pídelle que faga un mandado, que escriba a listaxe do que ten que traer para non esquecer o que lle pediu.

Chegará Memorina á casa co que lle encargaron ou non?

 


Un conto rimado perfectamente (non en van, Nieves é unha poeta de referencia), cheo de humor e que pide ao lectorado que a axude para levar a bo porto o recado. Unha historia divertida que acariña.

Un libro que fai as delicias dos e das que o lemos, ilustrado con ternura, expresividade e mestría por Susana Rosique, unha das ilustradoras que fan das historias escritas unhas interpretacións ricas e persoais, que moitos admiramos.

 

Pois ben, resulta que, á marxe do libro, Nieves García enviou a Memorina a Belén (ou talvez llo pedira ela) e teceu un fermosísimo poema de Nadal que reproducimos deseguido. Grazas, pola túa xenerosidade, poeta.

Vaivos encantar. E, se é así, lede, lede esta fermosa narración e sede felices.


                                        




                                                     Camino a Belén


 

Memorina va a Belén

 para hacer unos recados

que le ha pedido su abuela,

pues llega la Nochebuena

y no hay nada preparado.

Por el  camino a Belén

recoge varios recados,

añade los de su abuela

y prepara un buen listado:

 “Medio kilo de alegría

y de derechos humanos

 dos barras  de tolerancia,

cuarto y mitad de entusiasmo

 y un  manojo de respeto

para el que está al otro lado” .

 Y cantando esta canción

 a Belén casi ha llegado.

En un portal de cartón, 

 encuentra a un niño sentado

 y le entrega a ese buen niño

 buen turrón y mantecados

preparados por su abuela

con mucho amor y cuidado.

Más, de pronto, un  estruendo

 en el portal ha sonado

tras la intensa polvareda

ya no hay niños, ni listado.

Y este cuento así termina,

pero podemos cambiarlo:

“Cada casa en Nochebuena

que presente este listado

en ricos guisos y postres

y todo se habrá arreglado”.

¿Te atreverás a intentarlo?

                                                                  

                                                                                       Nieves García

 

 

 


miércoles, 20 de diciembre de 2023

Dende Belén, corazón de Palestina, "Versos e aloumiños", desexan a PAZ para o ano 2024

Belén no Nadal


Do Nadal pódense dicir moitas cousas e non todas, dende logo, positivas.

Pero nunca está de máis desexarnos días de felicidade que vaian máis aló das simples palabras.

Sempre hai persoas que queremos e que nos alegramos de que se atopen ben.

Hai moito que superar de botamos unha ollada ao noso redor.

 

VERSOS E ALOUMIÑOS quere agradecer a tantos e tantas visitantes que día a día se achegan a este blog para compartir feitos e palabras.

Palabras que sobrevoan este espazo para facernos a todos e todas máis afectuosos e sensibles.

Pois para todas as persoas de boa vontade, VERSOS E ALOUMIÑOS, deséxavos un feliz Nadal e un ano 2024 máis xusto, no que a PAZ, o AMOR e mais a SAÚDE brillen por riba de todas as sombras que ennegrecen demasiados días do ano.

 

E facémolo dende unha panxoliña cantada por un coro de nenos e nenas palestinos que cantan para emocionarnos e pedir liberdade para un pobo masacrado pola barbarie dun estado invasor.

Escoitádea. A nós caéronnos as bágoas durante a intepretación.

Que lles chegue a paz.




lunes, 18 de diciembre de 2023

A OBRA POÉTICA DE LUIS PIMENTEL NO PODCAST "EL ENVÉS DE LA PÁGINA" (con ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO)



Despois de tratar no mes de outubro a poesía de Álvaro Cunqueiro no podcast El Envés de la Página, para o episodio do mes de novembro decidimos escoller un poeta que comparte xeografía con Cunqueiro: o lucense Luis Pimentel, autor dunha obra poética breve pero intensa tanto en castelán como en galego. Desta volta, Antonio e mais eu conversamos sobre as características da poesía pimenteliana, co seu gusto pola música, o axexo da noite, a influencia de Rosalía e a obsesión pola morte, especialmente a dos máis cativos. O episodio, como foi o caso no de Cunqueiro, está ilustrado co recitado dalgúns dos poemas máis relevantes compostos por Pimentel. Deixámolo aquí abaixo por se pode interesar aos lectores e lectoras deste blog.

 

                                                      ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ




sábado, 9 de diciembre de 2023

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXXVII) : "Máxica Lúa", de Xoán Neira

 



                                         XOÁN NEIRA ( Meilán. Lugo, 1953)

 

 

 

LÚA DE LOBOS

 

 

No frío inverno,

aló na montaña,

oulean os lobos

Xoán Neira

cando hai lúa chea.

 

Teñen fame negra,

preto da aldea

oulean e oulean

ata mañá cedo.

 

Dúrmete meu neno,

non lle teñas medo,

que saíu o sol

e o lobo marchou!

 

 


A LÚA E O SOL

 

A Lúa reina de noite,

o Sol reina de día

e fixeron un trato

para compartir a vida.

 

Partilaron o tempo

como dous irmáns,

repartiron o ceo

de verán a verán.

 

Tamén repartiron

as idas e voltas:

o Sol coa luz,

a Lúa coas sombras.

 

Dende o solpor ao amencer

a Lúa é a dona;

dende o amencer ao solpor

o Sol leva coroa.

 

O Sol ten luz propia,

a Lúa pediulla prestada.

O Sol quenta a Terra,

a Lúa non pode quentala.

 

A Terra xira arredor do Sol,

a Lúa arredor da Terra.

O Sol vai ás festas,

a Lúa ás verbenas.

 

 

A LÚA VIXíA

 

Dende a súa leda torre

a lúa vixía


a vida nocturna

e descansa polo día.

 

Lúa protectora,

lúa silandeira

cos dous ollos abertos,

rachando coas tebras,

coida o noso sono

mentres descolga

unha escaleira

para que os soños

suban por ela.

 

A luz da lúa

é para noctámbulos

guía segura

como un sol de medianoite.

 

 

(Do libro Máxica  Lúa, editado por Medulia Editorial e ilustrado por Lucía Barrios)