Mostrando entradas con la etiqueta poema del mes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta poema del mes. Mostrar todas las entradas

viernes, 8 de noviembre de 2013

NOVO POEMA DO MES NO BLOG

Na parte superior dereita do blog, na sección “Poema do mes”, vén de publicarse un novo texto de Antonio García Teijeiro. Coma o mes anterior, nesta ocasión o poemario Chove nos versos, caracterizado pola conxunción de chuvia e palabras, volve ser o protagonista. Na creación deste libro, publicado por Edicións Xerais no ano 2004, xogou un papel moi importante o xa falecido Lázaro Enríquez, bo amigo de Antonio e responsable do proxecto de maquetación e desas ilustracións que reinterpretan a chuvia cun enorme sentido artístico. Lázaro estaba entusiasmado co proxecto e quedou moi satisfeito trala súa conclusión e publicación. Helena Pérez tivo tamén moito que ver coa coordinación dun poemario que contén unha homenaxe ao gran poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, ademais de referencias ás obras de Nicolás Guillén ou Aquilino Iglesia Alvariño. O libro inclúe poemas contra a barbarie da guerra, poemas-xogo e moitas imaxes dunha innegable calidade estética e poética. Se premedes na sección do “Poema do mes”, poderedes gozar cun novo texto extraído de Chove nos versos.

ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ


martes, 1 de octubre de 2013

Novo poema do mes en Versos e aloumiños

Se premedes, na parte superior dereita deste blog, na sección do Poema do mes, atoparedes un texto pertencente ao libro Chove nos versos (Ed. Xerais, 2004). Tanto neste poema como no poemario en xeral, o elemento da chuvia é un motivo que está sempre presente. Ademais, Antonio fai neste libro unha homenaxe ao gran poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, un escritor que dende sempre ten exercido unha importante influencia na súa produción poética.

Mención aparte merece o traballo do admirado, querido e chorado Lázaro Enríquez, que foi quen realmente concibiu a idea do libro e fixo unhas ilustracións a base de manchas que son unha marabilla e complementan os textos moi axeitadamente. E, como gran calígrafo que era Lázaro, as letras das diferentes partes do libro son excepcionais. Chove nos versos é, en definitiva, un libro para follear e gozar da concepción estética do extraordinario ilustrador cubano. Agardamos que vos guste este novo Poema do mes!
                                                                                                    Antón García Fernández

martes, 18 de junio de 2013

Novo poema do mes: Dúas Coplas

Dende xa hai tempo, todos os meses, subimos ao blog un novo poema do mes, e nesta ocasión, eliximos dúas das coplas que compoñen o libro do mesmo título. Reeditado en 2008 pola Editorial Galaxia, dentro da nova imaxe que a editora lle deu a esta colección, no seu tempo, tan avanzada e elegante: a Colección Tartaruga. A primeira edición de Coplas e a de  Nenos  foron os dous primeiros libros de poemas para rapaces publicados por Antonio a finais dos anos oitenta, concretamente en 1988. Ese mesmo ano sairía, tamén en Tartaruga, o libro Aloumiños. Esta nova edición contén unhas excelentes ilustracións a cargo de RuAn.

Para ler estas dúas coplas, só tedes que facer click na pestaña que di "Poema del mes" na parte superior dereita do blog, xusto debaixo da fotografía da cabeceira. Agardamos que vos gusten estes poemas, e lembrade que cada mes poderedes atopar nesta sección  un novo agasallo poético. Non esquezades que a poesía non é de quen a escribe, senón de quen precisa dela.