Mostrando entradas con la etiqueta lázaro enríquez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lázaro enríquez. Mostrar todas las entradas

viernes, 8 de noviembre de 2013

NOVO POEMA DO MES NO BLOG

Na parte superior dereita do blog, na sección “Poema do mes”, vén de publicarse un novo texto de Antonio García Teijeiro. Coma o mes anterior, nesta ocasión o poemario Chove nos versos, caracterizado pola conxunción de chuvia e palabras, volve ser o protagonista. Na creación deste libro, publicado por Edicións Xerais no ano 2004, xogou un papel moi importante o xa falecido Lázaro Enríquez, bo amigo de Antonio e responsable do proxecto de maquetación e desas ilustracións que reinterpretan a chuvia cun enorme sentido artístico. Lázaro estaba entusiasmado co proxecto e quedou moi satisfeito trala súa conclusión e publicación. Helena Pérez tivo tamén moito que ver coa coordinación dun poemario que contén unha homenaxe ao gran poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, ademais de referencias ás obras de Nicolás Guillén ou Aquilino Iglesia Alvariño. O libro inclúe poemas contra a barbarie da guerra, poemas-xogo e moitas imaxes dunha innegable calidade estética e poética. Se premedes na sección do “Poema do mes”, poderedes gozar cun novo texto extraído de Chove nos versos.

ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ


martes, 1 de octubre de 2013

Novo poema do mes en Versos e aloumiños

Se premedes, na parte superior dereita deste blog, na sección do Poema do mes, atoparedes un texto pertencente ao libro Chove nos versos (Ed. Xerais, 2004). Tanto neste poema como no poemario en xeral, o elemento da chuvia é un motivo que está sempre presente. Ademais, Antonio fai neste libro unha homenaxe ao gran poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, un escritor que dende sempre ten exercido unha importante influencia na súa produción poética.

Mención aparte merece o traballo do admirado, querido e chorado Lázaro Enríquez, que foi quen realmente concibiu a idea do libro e fixo unhas ilustracións a base de manchas que son unha marabilla e complementan os textos moi axeitadamente. E, como gran calígrafo que era Lázaro, as letras das diferentes partes do libro son excepcionais. Chove nos versos é, en definitiva, un libro para follear e gozar da concepción estética do extraordinario ilustrador cubano. Agardamos que vos guste este novo Poema do mes!
                                                                                                    Antón García Fernández