Nos máis de vinte anos que levo a vivir e a exercer a miña actividade docente universitaria nos Estados Unidos, aínda non tivera disposto da oportunidade de presentar unha ponencia nunha das moitas conferencias académicas nas que adoito participar cada ano arredor da obra de meu pai. A ocasión presentouse hai pouco máis dunha semana no marco da conferencia anual da South Atlantic Modern Language Association, que se celebrou destavolta no hotel Wyndham Buckhead, na cidade de Atlanta, no estado de Georgia.
Ata alí conducín unhas cinco horas e media dende Tennessee para participar na conferencia, cunha presentación titulada "Los motivos marinos como elementos de creación poética en Poemar el mar, de Antonio García Teijeiro". Foi unha ponencia moi especial para min e verdadeiramente emotiva, na que só revelo cara ao remate do texto quen é realmente o autor destes versos mariñeiros que en 2017 mereceron o Premio Nacional de LIX, para sorpresa de toda a audiencia presente na sala. Por intres así, nos que teño ocasión de partillar a obra literaria de meu pai cun público que non a coñece e tamén de amosar o orgullo que sempre espertan en min os seus poemarios, paga a pena toda unha carreira docente e académica no medio universitario. Deixo aquí abaixo a gravación en vídeo da ponencia por se os lectores/as de Versos e Aloumiños teñen interese en botarlle un ollo.

