Antonio García Teijeiro nun intre da conferencia |
Sempre me gustou ir falar ás
Escolas de Maxisterio, hoxe Facultades de Educación. Coido que o alumnado que
estuda para ser mestra ou mestre debe ter un coñecemento profundo dos libros
que se publican para elixir as mellores obras coas que compartir nas aulas cos
pequenos a maxia da lectura.
Non é moi doado. Sinto que
falta esa inquedanza cultural nas novas xeracións, que se le menos do que se
debería e que hai que actualizarse nun eido tan importante.
Falándolle ao alumnado |
E se falamos de poesía (e de teatro) as eivas que existen son inmensas. De aí o meu interese para enchelas de contido.
Non pode ser. A poesía gusta
aos rapaces e rapazas se hai alguén que os motive. A figura do mediador/a faise
imprescindible para contaxiar ese amor pola literatura.
Dáme medo que sexan as
editoriais, a través dos comerciais, quen
marquen as prescricións nas escolas. A calidade debe primar sobre outros
obxectivos que pouco (ou nada) teñen que ver coa paixón pola lectura.
E se o alumnado non le,
estamos perdidos.
O venres, 25 de outubro,
estiven na Facultade de Educación e Traballo social en Ourense.
Alí, dentro dunhas xornadas –
Ciclo de Literatura infantil e xuvenil. Lecturas dende a diversidade-
falei deste tema para moito alumnado e tamén lle comentei a necesidade da
poesía na escola.
Un programa moi interesante
no que estiveron escritores e ilustradores como Carlos Labraña, Érica
Esmorís, María José Floriano e Pablo Otero, baixo a dirección entusiasta de
Isabel Mociño, Carla Míguez e María González.
Tamén fun entrevistado por
alumnas na radio da Facultade, que me preguntaron sobre múltiples temas, tanto
persoais coma literarios.
Un momento da entrevista radiofónica |
A miña conferencia, con lectura de poemas meus incluídos, foi gravada e Versos e aloumiños recóllea no audio que vén deseguido.
Outro momento da charla |
Agardo que resulte
interesante para todas esas persoas que cren na poesía como unha ferramenta de
formación intelectual dende xa as primeiras idades.