viernes, 15 de marzo de 2024

A LUZ DAS PALABRAS (95) Ana López Chicano

 



É unha muller cunhas inquedanzas que me fan admirala profundamente.

Ana López Chicano é libreira, codirectora da revista Lazarillo, escritora, ilustradora, deseñadora, activista cultural e moitas cousas máis.


         Ana L. Chicano (Foto Fase Extra Transmedia)


Co gallo do envío ao gran Paco Abril do meu último artigo no suplemento ESTELA, do FARO DE VIGO, que falaba das bibliotecas persoais, recibo un wasap deste cun texto fermosísimo de Ana.


Ana L. Chicano e Paco Abril

Engaioláronme as súas palabras e pedinlle permiso, a través del,  para poder publicalo no noso blog-revista Versos e aloumiños.

Moi xenerosos ambos, accederon a isto e hoxe temos aquí ese texto que me interesou e conmoveu a un tempo, para deleite noso.

Gozade destas sabias palabras porque chegan moi dentro do lectorado e son moi necesarias nestes tempos que nos toca vivir.

 

 

                                       DIARIO DUNHA LIBREIRA.

                                                                Ana López Chicano. 

                                                       Librería Oreja Verde Gijón. (Asturias).

 

Descubrín, na miña curta experiencia de libreira, que unha libraría, entre outras moitas cousas, é un espazo de conversa arredor, sobre todo, dos libros.

E isto hai que salientalo, aínda que pareza case evidente.

Conversar.

Que significa con exactitude conversar?

Leo no Diccionario filosófico, de André Comte-Sponville o seguinte:

“Conversar é falar con outro, sen intentar convencelo nin vencelo: o propósito é entenderse, non poñerse de acordo”.

Subliño o de que “o propósito é entenderse”.

Entenderse, que impresionante pretensión! Non tería que ser a principal aspiración dos seres humanos?


André Comte-Sponville

A conversa, sigo tirándolle zume ao diccionario de filosofía do que tanto estou aprendendo, é diferente da discusión e do diálogo. A discusión implica unha discrepancia, o diálogo busca unha verdade compartida. A conversa é intercambio sen finalidade procurada.

Volvo ao filósofo citado: “A gratuidade da conversa forma parte do seu encanto”.

Cando, poñamos, un pai me pide un libro axeitado para a súa filla de tres anos, iniciamos un intercambio conversacional que vai da nena ao libro e do libro á nena. O pai fala da súa nena, eu dos libros que poderían interesarlle. E, de súpeto, a conversa abre camiños insólitos de encontro entre entre a nena, seu pai, o libro e a libreira.

Continúo a ler máis sobre a conversa. Abro agora un libro, os libros guíanme, doutro filósofo, Jorge Wagensberg. É un libro de pensamentos breves, brevísimos. Partillarei algúns rotulándoos no vidro do escaparate. Quero que o escaparate fale.

Jorge Wagensberg

Selecciono, para rematar, tres desas sabias pílulas sobre a conversa para saborear amodo antes do almorzo, xantar e cea:

Primeira pílula: “Investigar é conversar, ensinar é conversar, apreder é conversar, reflexionar é conversar.

Segunda pílula: “Conversar é o mellor adestramento que pode ter un ser humano para ser un ser humano”.

Terceira pílula para despois da cea: “Unha boa lección é unha conversa”.