Con Joan Margarit no Liceu de Barcelona en 2007 |
Foise Joan Margarit,
tan en silencio e sen grandes aspaventos. Foise o home, pero nunca o poeta: ese
queda, permanece vivo na súa obra que tanto di da persoa e do seu espírito
creativo.
Foise o anunciador de
estrelas, transmisor de mundos, ás veces moi tristes, que a súa poesía facía
máis levadeiros.
Poesía clara, difícil
nalgúns momentos, mais sempre bondadosa e intensa. Con antecedentes na lírica
de Salvador Espriu ou Miquel Martí i Pol, Margarit posúe unha
obra moi valorada tanto polos lectores e lectoras coma pola crítica
especializada debido ao xeito de saber dotala das ensinanzas da vida, de ter
presente a historia común e convertelas en poemas, verdadeiros vendavais das
nosas propias imperfeccións.
Partillando palestra no Liceu (2007) |
A dureza e, ao mesmo tempo, a tenrura do refuxio contra a intemperie fan da súa poesía un horizonte cara ao que debemos camiñar para sentírmonos seres humanos abertos e ateigados de optimismo e redención.
Coñecín a Joan Margarit en
Barcelona co gallo dunha palestra que partillamos no Teatro do Liceu sobre a
poesía de Paco Ibáñez un día de Sant Jordi no ano 2007. Foi moi afable e
agarimoso e falamos de jazz, xénero do que era un grande especialista, ademais
de Paco e de poesía.
A derradeira vez que estiven
con el tivo lugar en 2016 no Teatro Apolo de Madrid, cando na compaña de Bernardo
Atxaga e de Luis García Montero subimos ao escenario para recitar os nosos
poemas, nas nosas respectivas linguas, á beira de Paco Ibáñez que cantou en
castelán, catalán, éuscaro e galego. Foron tres noites inesquecibles nas que
sentimos o agarimo do público, o respecto e, mesmo, a admiración, polos versos
recitados e cantados nas distintas linguas do Estado.
Teatro Apolo (Madrid) Atxaga, Margarit, Paco, AGT e García Montero (2016) |
Concordo coas palabras de José-Carlos Mainer quen sitúa a poesía de Margarit entre a dos poetas que “non adoitan abandeirarse na espontaneidade senón na densidade e que escriben para mellor dominar e entender o que viviron, evitando absolverse a si mesmos (polo menos, non demasiado), substituíndo a complicidade ou o pudor pola destemplada lucidez”. (Antonio García Teijeiro)
Leamos un poema de Joan Margarit e lembremos decote a forza e mais a necesidade da poesía, da súa poesía.
EL
PARE
Em
guardava un lloc al seu costat
en
un tren que es perdía a l´horitzó.
El
recordo acostant-se, indefens, al final.
Però,
amb trajo i corbata,
semblava
encara que estigués manant.
Tenia
molta por. Molta. I en canvi,
transmetia
una nova dignitat
agafant,
elegant, l´ultim revolt.
Sento
el perill passant vora els miralls.
I en
el pedregal trist de la infantesa,
amagat,
l´escurçó del seu amor.
(Do
libro Casa de Misericordia (E. Visor)