sábado, 19 de diciembre de 2020

REMUÍÑO DE LIBROS (73) "Sete chaves para abrir os soños", de Alfredo Gómez Cerdá

 





TÍTULO: Sete chaves para abrir os soños.

 

AUTOR: Alfredo Gómez Cerdá.

 


ILUSTRACIÓNS: David Pintor.


 


EDITORIAL: Kalandraka. Colección: SETELEGUAS.

 



Fermosa homenaxe narrativa que nos achega Kalandraka sobre sete creadores e creadoras que durante décadas marcaron e, seguen a facelo, a moitos lectores coa chave máxica das súas palabras, das súas historias, capaces de abrir a porta á fantasía e á creatividade de mundos paralelos e posibles. Esta homenaxe vén da man doutro creador, Alfredo Gómez Cerdá, que tamén ten sinalado camiños diferentes aos novos, amosándolles varias perspectivas da realidade e sempre en consonancia co compromiso social, cultural e humano que conleva a literatura.

Sete chaves para abrir os soños son sete relatos ficcionados a partir de feitos particulares e trazos propios dos sete autores que se converteron en mito. Así, ao longo das súas páxinas o lector atopa a máxica fiestra de Rodari que lle vai permitir á súa protagonista agocharse do mundo gris no que vive e adentrarse noutro no que é feliz pois non hai berros nin insultos. Pero tamén os prodixios de Tomi Ungerer capaz de mudar todo de sitio. E as trenzas de Pippi como bandeira de moitas xeracións que defenden un mundo mellor, máis xusto, equitativo e plural. Ou o baúl de Juan Farias que garda no seu interior a grandeza das pequenas cousas da vida.  A lata de conservas de Christine, Os vampiros de Roald Dahl e a moto de Gloria Fuertes tamén teñen cabida nesta alegación do poder e a forza da palabra coma eixo transformador de comportamentos, actitudes e pensamentos.

Grazas á tradución de Isabel Soto podemos desfrutar deste libro na nosa lingua.

As ilustracións de David Pintor acaen moi ben ao texto e amosan os diferentes autores cos seus trazos característicos de personalidade.

 

Páx.45: “–Formamos parte da tripulación do capitán Efraim Mediaslongas. El aprendeunos que as fronteiras só son liñas absurdas e invisibles que se crearon para separarnos a uns dos outros.”

Páx.60: “Neste baúl gardarei as miñas lembranzas e os meus soños.”

Páx.76:”A dor era unha ponte invisible que unía os seus ollos, os ollos dunha nena e os ollos dun rato.”

Páx.103:”Polgariño lembrou uns versos da veciña poeta:

                Gente que sólo va a lo suyo

               ¡Gente de la que huyo! “



                                                                                                                                                ALBA PIÑEIRO