viernes, 4 de diciembre de 2020

REMUÍÑO DE LIBROS (72) "A ciencia do día a día" (Col. E logo...por que?)

 





TÍTULO: A ciencia do día a día


COLECCIÓN: E logo…por que?


Coordinación da edición: Emili López Tossas

Redacción: Caterina López Rigo

Debuxos: Bruno Martínez Tabares

Para a versión en galego: Edicións Xerais de Galicia

 

 

Que gratificante resulta ter nas mans calquera dos volumes de divulgación da colección E logo… por que? que publica Edicións Xerais na colección Xerais Básicos. Ciencia.

Moi atractivos na súa presentación a xeito de caderno, coas páxinas de cartón plastificado, con cores moi vivas e moito humor nas viñetas de cada capítulo.


O libro que hoxe nos ocupa leva por título A ciencia do día a día e está dividido en dous temas diferentes: Ciencia en cousas da casa e Ciencia para ir polo mundo.



Nel podemos atopar unha chea de curiosidades científicas que a rapazada decoñece e, como non, tamén os adultos. Que interesante achegar o lectorado á ciencia e ás súas sorprendentes características. Cunha linguaxe moi clara, con ilustracións cheas de sorpresas, A ciencia do día a día amósanos respostas sinxelas, intelixibles, que colman a nosa curiosidade. Podemos ler no capítulo 1 que “pasan moitas cousas ao noso redor e cando queremos saber por que ocurren xa estamos a facer ciencia”. E deixa algo moi claro: todo o que non se pode demostrar non se pode considerar ciencia.

No primeiro tema do volume podemos atopar respostas a cuestións que nos pasan na casa. Por exemplo: Que é alta definición? Por que se derrete a manteiga? Podo tocar os electrodomésticos cos pés mollados? Por que o xabón fai escuma?


No segundo tema saímos polo mundo e damos con respostas a preguntas coma estas: Hai lixo no espazo? Pode caer á Terra? Por que o aceite non se mestura coa auga? Por qué flotan os globos no aire? Que é o fume? E así un monllo de cuestións que resulta magnífico coñecer. Entreteñen e forman dun xeito lúdico e con moita claridade, onde non falta o humor.


Vivimos case sempre afastados da ciencia e ese é un erro. Xogando a preguntar, a responder, a coñecer as causas dos fenómenos habituais gozamos moito máis do cotián.



Facémonos máis “sabios” lendo estes temas tan próximos como curiosos.

A ciencia do día a día coas súas respostas rápidas a preguntas enxeñosas convértese nunha deliciosa lectura. Temas, como dixemos, diferentes, ilustracións sorprendentes e respostas sinxelas a cuestións arrevesadas.


Un acerto de Edicións Xerais a publicación desta colección para desfrutar individualmente ou coa familia. Un proxecto suxestivo, dunha gran riqueza, cheo de engaiolantes propostas.


                                                                                             ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO