lunes, 2 de marzo de 2015

AS MIL E UNHA FANTASÍAS DA GALICIA ENCANTADA DE ANTONIO REIGOSA.



   Di  Sandra Alvarellos Varela, referíndose á literatura tradicional, que “non se deben deixar atrás nin esquecer as verdadeiras raíces das que xurdimos, as que nos fixeron medrar e nos fixeron grandes coma persoas e como pobo, do cal nos temos que sentir orgullosos e defender sempre”. E engade: “Fagamos da lingua o eixe da comunicación e sexamos pregoeiros de tradicións, para que os nosos sinais de identidade nunca morran e as xeracións vindeiras teñan unha razón de ser, saiban quen son, de onde proceden e coñezan as tradicións, lendas, cantigas e demais trazos culturais que fan especial, máxica e encantadora a nosa terra”.

     Sabias palabras, espidas de ton gratuíto que eu podo, sen dúbida, facer miñas. Palabras que leo nun libro marabilloso, dun interese excepcional: Galicia Encantada. O País das mil e unha fantasías (Edicións Xerais, 2014), edición de Antonio Reigosa.
 
Antonio Reigosa
     Antonio Reigosa é escritor, investigador e divulgador da cultura popular de Galicia. Un non pode esquecer libros fundamentais neste eido coma os volumes da colección Cabalo Buligán, o Dicionario dos seres míticos galegos ou os Contos colorados, todos eles en colaboración con Xoán R.Cuba e Xosé Miranda.
      
     Reigosa é un autor salientable de literatura infanto-xuvenil, gañador do Premio Merlín con Memorias dun raposo, ademais doutros títulos excelentes, nos que queda patente a súa calidade literaria e a pegada que a literatura de tradición oral deixa neles.


      No seu día crea un proxecto, unha web: Galicia Encantada, que nace para navegar pola internet. Dez anos despois, convértese nun libro apaixonante. Un libro que nos permite gozar no papel de documentos dun valor incalculable e,  ao tempo, poder entrar no suxestivo mundo dos mitos, das lendas, dos ritos, dos contos e dos sucedidos que nos sorprenden e nos introducen nas entrañas dunha Galicia máxica. Cronistas que contan, dende diversas perspectivas,  o mundo real e o imaxinario dunha terra rica en narracións fantásticas. Narracións que nos achegan ao seu espírito. Que nos permiten coñecer un país irremediablemente sabio e encantado.

     Resulta unha delicia perderse no fío argumental deste libro tan necesario. Nos cocos e monstros, no alén, nas augas enfeitizadas. Saber do demo, das casas encantadas, das romarías, da flora, das lendas urbanas ou dos lugares míticos.Coñecer a medicina tradicional, a mitoloxía relixiosa, os tesouros, os xogos, a toponimia e, mesmo, a poética do imaxinario.


     Coordina Antonio Reigosa, autor dun bo número de mostras literarias no volume, máis de cincuenta autores e autoras que nos contan historias suxestivas e guían o lector pola memoria e a fantasía deste país.

     Afirma Reigosa que “o patrimonio inmaterial é o máis fráxil elo dunha cultura e, como forma parte da esencia profunda do pobo, da xente común, é reo de prexuízos, vítima de alienacións e súbdito da desmemoria”.
     

      E ten razón. Por iso hai que celebrar que dez anos despois da súa posta en marcha a web de Galicia Encantada siga medrando e actualizándose con regularidade. Unha web que garda nos seus arquivos centos de artigos, notas, informacións, opinións, imaxes e textos que só son unha minúscula parte da case inabarcable obra que vén sendo o noso imaxinario colectivo.

     Este libro é unha interesante, amais de esencial, mostra dun patrimonio inmenso no que debemos penetrar.
     

Xabier P. Docampo
Di o gran Xabier P. DoCampo no prólogo desta obra, ao se referir ao narrador (figura indispensable na literatura oral), que “a narración aspira a se facer memorable no sentido de ser digna de permanecer na memoria, despois  narrala é incorporala á experiencia propia, mais tamén á das persoas que escoitan, onde o sabido de oídas se acomoda ao pé do máis propio e faise experiencia” e remata con estas certeiras palabras: “Así foi sempre e así segue a ser, e seino porque eu veño dun tempo no que só existía o tempo e a palabra”.



     Un libro, pois, para festexar, para degustar e emocionarse.
     Un libro para sentir o que temos detrás que, por certo, é moitísimo.

     Ah! E sabiades que para curar a dor de cabeza hai que botar leite nunha bolsa de plástico, envolver nun pano, deitarse e aplicar o envolto enriba da cabeza ata que pase?

     Esta e mil cousas máis nas páxinas dun libro máxico.

Antonio G. T., Bernardino Graña e Antonio Reigosa


                                                                                              ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO