jueves, 8 de octubre de 2015

" ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA", DE LEDICIA COSTAS, PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, 2015


Estou feliz. Si, moi feliz.

     O feito de que o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil recaese no libro Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, púxome moi contento.

     Contento porque recaese nun libro en galego.
    
Contento porque é unha historia deliciosa (ai,esas receitas!) e chea de enxeño. Un libro moi ben escrito.
    
Contento porque, dende que lin Unha estrela no vento, hai xa ben anos, e a autora era unha mociña, souben que tiña un magnífico futuro por diante se se esforzaba. E acertei. Díxenllo  a ela nunha cafetaría (a da Casa do Libro), cando nos coñecemos persoalmente tempo atrás.
    

     Contento porque Ledicia Costas é unha persoa afable, agarimosa e coa cabeza moi ben asentada.

     Contento porque Ledicia Costas escribe moi ben, arrisca e non se acomoda endexamais no discurso literario fácil.

     Contento polo tan querido para min  Premio Merlín, un certame que non deixa de abrir  camiños no desenvolvemento da nosa LIX. E nisto, moito ten que ver Helena Pérez, a editora, tantos anos coordinando cun acerto innegable os xurados do premio. Unha referencia esencial para todos nós.

Un momento da presentación

      E estou contento, por fin, porque tiven a honra de presentar en Vigo, no mes de outubro de 2014, este libro, na compaña da editora, da autora e do ilustrador, Víctor Rivas, que fixo un traballo marabilloso de ilustración cunhas imaxes que lle acaen perfectamente ao texto. Un gran ilustrador para un libro moi especial.
     Resultara un acto festivo, con afectos varios e moi doce (esas larpeiradas estaban exquisitas), onde a literatura foi o eixe central do moito que alí houbo.
 
Co ilustrador Víctor Rivas
     Felicidade completa, pois, co fallo do xurado. Escarlatina ten moita vida por diante. Tena toda, pois os bos libros viven eternamente.
     
     E este éo, e moito.
 
Con Helena Pérez e Ledicia Costas

     Parabéns a todos os que participaron neste fermoso proxecto. Tédelos ben merecidos.

Deliciosas larpeiradas



                                                                                                                            ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO

miércoles, 7 de octubre de 2015

POLAS SÚAS OBRAS LEMBRARÉMOLOS / AS ( 12 ) Henning Mankell.







                              HENNING  MANKELL  (1948 - 2015)


Ensaísta, novelista, dramaturgo, este home nacido en Estocolmo, creou a serie policiaca do coñecido inspector Kurt Wallander. Doce títulos. Doce novelas negras que lle deron un recoñecemento universal.

     
Henning Mankell


     Mais, dende Versos e aloumiños, queremos salientar con orgullo os seus libros xuvenís, dunha calidade fóra do común. A tetraloxía que inclúe Las sombras crecen al atardecer, El niño que dormía con nieve en la cama, Viaje al fin del mundo e El perro que corría hacia una estrella (Premio Rabén & Sjögren ao mellor libro xuvenil 1990 e o Premio alemán ao mellor libro para mozos 1993) e a triloxía formada por El secreto del fuego, Jugar con fuego e La ira del fuego, están escritas cunha intelixencia innegable. Literatura poética, comprometida cos seres humanos. Literatura en loita contra as inxustizas do mundo a través dunha enorme forza creadora.

     


      Así comeza a novela xuvenil, dedicada aos seus netos, El perro que corría hacia una estrella (Ed. Siruela):

     El perro. Fue con él con el que empezó todo. Si no hubiera visto al perro solitario quizá no hubiera ocurrido nada. Nada de lo que después se convirtió en algo tan importante que cambió todo. Nada de lo que primero fue emocionante y luego espantoso...



domingo, 4 de octubre de 2015

A "HISTORIA DA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL GALEGA", UN FITO QUE NON PODE NIN DEBE PASAR DESAPERCIBIDO.



Blanca- Ana Roig Rechou
“Deixando atrás unhas poucas mostras que constitúen a súa prehistoria e tendo en conta os xéneros literarios canónicos (narrativa, poesía e literatura dramática), pódese dicir que a literatura xuvenil galega se inicia con Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas; a literatura infantil cos contos de Carlos Casares que conforman A Galiña Azul, coa peza dramática, tamén de Casares, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e aínda co poemario Os soños na gaiola, de Manuel María.”
     

     Son palabras da profesora, filóloga e crítica literaria Blanca-Ana Roig Rechou a Lourdes Varela, xornalista de Faro de Vigo en maio do presente ano.
     O labor inxente e serio arredor da nosa LIX de Blanca-Ana Roig Rechou non merece máis que eloxios dende calquera punto de vista. 

     

Traballando cun grupo de persoas moi interesadas e cualificadas no tema, deu ao prelo varios libros monográficos sobre múltiples aspectos da literatura para nenos. Entre outros: Inmigración / Emigración na LIX, A memoria das guerras na literatura infantil e xuvenil galega, Poesía infantil e xuvenil en Galicia, Premios literarios e de ilustración na LIX, A guerra civil española na narrativa infantil e xuvenil, Multiculturalismo e identidades permeábeis, Seis chaves para entender mellor a LIX no século XXI…Achegas moi serias, que xa forman unha base sólida para que se poidan levar a cabo futuras investigacións, algo que non había ata o de agora e que se precisan nunha literatura normalizada.

     Acaba de aparecer, para satisfacción de estudosos e interesados no tema, un volume coa Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega (Edicións Xerais), traballo de investigación coordinado por ela. Un traballo conxunto no que participa un grupo de profesionais vinculadas á LIX e formado por Eulalia Agrelo, Pilar Bendoiro, Mar Fernández, Carmen Ferreira, Isabel Mociño, Marta Neira e Isabel Soto quen, con Blanca-Ana, organizan secuencialmente en séculos, seguindo a metodoloxía establecida polas teorías sistémicas e as achegas doutros paradigmas teóricos.
     

     Dividido en seis capítulos o traballo,ben profundo, fai un percorrido historiográfico no que se describen as diferentes etapas existentes na constitución do sistema literario infantil e xuvenil, atendendo aos factores e axentes que propiciaron a súa conformación e asentamento, e á análise das obras dos xéneros literarios canónicos.
     
     No capítulo I, abórdase un período que vai da Idade Media ao século XX.
     
     No capítulo II, fálase do século XX. Dende 1900 até 1950. Aí atopamos o contexto e discurso galeguista, as primeiras manifestacións e ruptura, e a guerra civil española: algunhas obras durante e despois da mesma.
     
     O capítulo III abrangue o século XX, dende 1950 até 1980. Destaca o labor das asociacións e dos movementos de renovación pedagóxica e cultural, as mudanzas do sistema educativo,publicacións periódicas e labor editorial. É este un capítulo amplo no que se dá conta da produción literaria nesta época que foi moi rica.
    

     O capítulo IV céntrase no século XX, dende 1980 até 2000. Ademais doutros temas aborda o asociacionismo e outros axentes divulgadores e promotores, os premios literarios e os novos soportes coa irrupción das Tecnoloxías da Información e da Comunicación.
     En todos estes capítulos fálase dos autores e autoras dos diversos xéneros canónicos e da banda deseñada e a pegada que van deixando no desenvolvemento da historia literaria infanto-xuvenil.

     Idéntica estrutura presenta o capítulo V que se centra nos anos que van dende 2000 até 2012. Aquí aparecen as denominacións das diferentes xeracións:  Xeración do 68, dos 90 e a Xeración Google. Baixo estas premisas faise a análise crítica.

     Cerra o libro o capítulo VI. Para saber máis. Bibliografía, webgrafía, índice onomástico e un breve currículo das redactoras.


     Estamos de noraboa. Xa hai un punto de partida. Cara aos anos vindeiros os investigadores e investigadoras teñen unha ferramenta fundamental para continuar os seus traballos e afondar no corpus literario.
    

     Non sei se se valorará na súa xusta medida este volumen, que a nós nos emociona. Si, falo de emoción, porque nos permite saber de onde vimos, que está a ocorrer mentres escribimos, ensinamos, ilustramos…ou sexa, creamos, e cara a onde nos diriximos. Un proxecto este, excepcional, polo seu rigor científico, pola necesidade que había de estruturar algo que naceu cunha forza infinita e podía levar ao desconcerto; para saber, en definitiva, cales son as liñas de creación literaria para nenos e mozos dunha literatura, a nosa, que posúe un prestixio indubidable.
     
     Blanca-Ana Roig Rechou e o seu grupo de investigadoras poden sentirse satisfeitas. Tempo atrás ían poñendo pedras moi importantes, case sen faceren ruído,  no edificio literario galego (e portugués , que iso é outro dos seus grandes logros: abrirse ao país veciño e colaborar cos seus especialistas); pedras moi necesarias. Con este traballo o edificio posúe xa unha fachada e un interior dunha solidez indiscutible.
     
     
Unha tarefa exhaustiva realizada con humildade, en silencio, pedindo esmolas ás institucións, cunha dedicación máis que xenerosa, impartindo cursos, organizando congresos, estas persoas acaban de escribir unha das páxinas máis importantes da LIX galega. E lamentablemente sen demasiados medios. Tampouco quero  esquecer a aportación de todas elas á modélica revista galaico-portuguesa, Malasartes, unha xoia de edición dirixida polo grande estudoso e magnífico poeta Jose António Gomes, e da que Roig Rechou é a subdirectora.

     Na mesma entrevista, Blanca comentaba  que “a nosa LIX ten historia, aínda que sexa breve, dado que se formou en pouco tempo e de forma moi intensa, por iso foi difícil elaborala. Falta perspectiva. Pero o importante é que aí está, que é unha achega útil para saber o que hai, para axudar ás seleccións e para invitar a traballar, a investigar. Creo que con esta obra se demostra que a LIX debe ser atendida desde o ensino superior para que tamén así o sexa nos tramos primeiros da formación do lector competente”.

Nun acto con José A. Gomes e AGT en Compostela.
    Totalmente de acordo con esta manifestación. Non se pode ser máis clara.
Así que estamos diante dun libro imprescindible que debe estar ben preto de todos nós. Un libro para consultar, para comprender, para saber o que houbo e o que hai. Un libro verdadeiramente excepcional.

         Grazas, moitas grazas por tan fermoso agasallo e parabéns!

                                                                                                                      ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO

viernes, 2 de octubre de 2015

A LUZ DAS PALABRAS (45 b). X. H. Rivadulla Corcón.


Poucas veces me sentín tan a gusto nun programa de radio, falando de literatura, escoitando boa música, como n´A casa do vagabundo, que dirixía X. H. Rivadulla Corcón. E, precisamente,  por ser el quen o dirixía  todos os que por alí pasabamos sentiámonos  felices.
     Porque Rivadulla Corcón, escritor, activista cultural, guionista, autor dramático e unha chea de cousas máis, comprendía e respectaba os convidados e creaba un ambiente ben agradable.
X.H. Rivadulla Corcón

     Rivadulla Corcón ama a literatura. Cre na palabra literaria e sente paixón polo mar e pola poesía. Esa paixón polo mar nótase ben claramente na súa obra que, en boa parte, está relacionada cos temas mariños. Non hai máis que ver os títulos dos seus libros para entendelo perfectamente.
    Taberna á deriva, O adeus do vello mariñeiro e Camiño ao mar son tres poemarios que demostran o que digo. Praia na noite e Salitre son dúas pezas teatrais da súa autoría.
    
     Cando escribe para os nenos, títulos excelentes da súa bibliografía son, entre outros, Os piratas da Illa Esperanza, Amar unha serea ou Soños de mar. Está claro, non si? Sen esquecer, xa que logo, a súa obra narrativa, Do mar e a noite, publicada por Ir Indo no ano 2001.
     Ler a X. H. Rivadulla Corcón é unha delicia. Escribe co corazón, cre no que escribe e enche de poesía todo aquilo que realiza.
     Ademais da súa categoría coma escritor, posúe unha categoría humana excepcional, polo que non nos debe estrañar o texto co que nos agasallou para esta sección. Xosé Henrique escribe para facer amigos.Explícao moi ben nestas liñas cheas de calor humana.

     Versos e aloumiños séntese ben honrado de publicar o artigo que tedes a continuación.

     Gozádeo.


Co seu avó en Muxía cando tiña catro anos.



      LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, AMIZADE E POESÍA 



Doume hoxe por preguntarme porqué escribo literatura infantil e xuvenil. E certo é que non todo o que se fai ten que ter unha explicación. Pero agora mesmo doume por querer sabelo.

     Sempre dixen que en xeral o motivo meu para escribir era para ter amigos. Ser escritor, escribir e publicar axúdame a ter amigos. Moitos dos meus amigos son escritores, e outros que non o son chegaron a min ou eu cheguei a eles polo feito de ser escritor. Coincidín con eles e coñecinos a través da escrita. Así que conclúo que ser escritor é bo para min porque ter amigos é unha das mellores cousas que poden pasar. A min gústame tamén a soidade, pero os meus amigos son moi amables e permítenme apartarme á soidade cando o preciso.
     
Diante da casa de Uxío Novoneyra en Parada do Courel
     A literatura infantil e xuvenil facilítame a vantaxe de ter uns amigos moi peculiares, os nenos e nenas. E non falo de que sexan amigos meus nenos e nenas anónimos que len os meus libros sen eu coñecelos, trátanse de lectores queridos, pero realmente non son amigos. A literatura infantil e xuvenil permíteme visitar colexios e institutos, e alí coñecer a moitos nenos e nenas, e na miña terra, Muxía, coñezo a pequenos e pequenas que len os meus libros, e algúns amigos adultos aconsellan aos seus fillos a lectura dalgún libro meu, e eu sempre que podo lles regalo algún libro.
     
     Así que por diferentes camiños coñezo a eses seres pequenos cheos de ideas e visións do mundo fantásticas que se comportan como amigos meus, porque o son. E todos os que teñades amigos e amigas de curta idade comprenderedes o bos amigos, sinceros e verdadeiros que son. Así que mentres os editores o permitan seguirei escribindo e intentando publicar literatura infantil e xuvenil. Non quero deixar de ter amigos imaxinativos e moi divertidos.
    
No faro de Fisterra
     Hai outro aspecto que me interesa moito da literatura infantil e xuvenil, máis propiamente da infantil, que me resulta moi suxestivo. O xénero literario que mais me interesa, como lector e como escritor, é a poesía, e atopo que a metodoloxía que podo empregar para imaxinar as historias infantís e logo escribilas é próxima á poética. Porque é moi libre, permite xogar con conceptos oníricos, e penetrar en territorios fantástico, ademais de ser textos con certa brevidade, que por esta cuestión se poden escribir coa mesma intensidade creativa que a propia poesía. E os lectores de curta idade parécense aos lectores de poesía de calquera idade, buscan sentir máis que buscar unha comprensión analítica do texto, e  a coherencia propia do texto tanto na poesía como na literatura infantil pode responder máis a unha coherencia nacida do propio texto, que externa, e os lectores de poesía e os nenos e nenas saben gozar con esta coherencia que só responde as coordenadas do propio texto.

     E xa que a poesía anda tan desprestixiada entre editores, que non entre lectores, aínda que os editores argumenten isto último para xustificar a súa negativa á edición de poesía. Coa literatura infantil dalgún xeito sigo editando poesía, aínda que disfrazada de narrativa.   

     
     Así que vaia! descubrín para min mesmo e para quen queira lelo porque a literatura infantil e xuvenil dáme tantas satisfaccións íntimas. A busca da amizade e a visión poética son os meus motivos para escribir literatura infantil. 

                                                                                                          X. H. RIVADULLA  CORCÓN



                         
No porto de Ribadeo durante a gravación do programa "Salitre" para a TVG


jueves, 1 de octubre de 2015

POLAS SÚAS OBRAS LEMBRARÉMOLOS / AS (11) Phil Woods







                                                               PHIL   WOODS    (1931-2015)



Encadrado dentro do movemento jazzístico bebop , este saxofonista nacido en Springfield (Massachusetts) foi un exquisito clarinetista e saxofonista alto e que tamén, ocasionalmente, tocou o soprano.
Apodado o "New bird" polo seu estilo semellante ao gran Charlie Parker, marchou a Francia onde liderou un grupo de jazz vangardista. Á súa volta aos EE UU formou un quinteto que se desfixo en 2004.





Phil  Woods




Podedes ver e escoitar a Phil Woods no vídeo que segue, acompañado por Rufus Reid (baixo), Cedar Walton (piano), Mickey Roker (batería), interpretando "Goodbye Mr. Evans", nun concerto en Stuttgart en 1989.