miércoles, 20 de septiembre de 2023

FAÍSCAS (13) "A felicidade e o noxo: por fin soou o galego no Congreso dos Deputados"


 


Escoitar a Gómez Besteiro falar en galego no Congreso dos Deputados, hei dicir que estivo moi preto da emoción profunda.

Gómez Besteiro, o primeiro deputado que fala nunha lingua diferente nas Cortes
 (Foto Atlántico)

Máis tarde, Néstor Rego, con todo o seu discurso na nosa lingua, estivo magnífico e fíxome moi feliz.

Por fin sentín que tomaba corpo a idea de que este país é un estado plurinacional. Sentín que se rachaban vellas pantasmas e que esa “una, grande y libre” se convertía en algo pasado de moda. Escoitar falar en galego, catalán e éuscaro nese lugar, debería ser o normal nun país civilizado e minimamente democrático. Porque este estado non é algo pétreo e uniforme. Convivimos aquí diversas sensibilidades coas nosas diferenzas, as nosas culturas, os nosos idiomas e os nosos costumes. Non é tan difícil comprendelo. Hai que acabar co desprezo que os que se cren donos do país expresan un día si e outro tamén.

 

Néstor Rego (BNG), orgullo e brillantez (Foto el.Diario)

     Basta de buscar desculpas nas leis e nos prazos para retrasar e -se por elas, as dereitas, por chamarlles algo suave, fose- arruinar un dereito de todas e todos os que cremos na convivencia democrática temos sen discusión. Que España non só é Madrid e arredores. Que hai vida nos demais territorios do país, que non queremos ser discriminados ni que se nos impoña unha liña uniforme e dura.

E que sempre son os mesmos, certas elites, que se opoñen a todo o que non sexa seguir o ronsel que lles interesa.

Que as linguas son alma e cultura. Que hai que apoialas e valoralas, deixalas medrar e non afogalas pola imposición dun idioma, o castelán, tan fermoso, pero que serve demasiadas veces para ferir e golpear con ensañamento calquera desacordo co pensamento único que nos propoñen seguir.

 

     E afirmo todo isto, cando vin as imaxes dos deputados e deputadas de Vox erguerse e desfilar cal insectos ruíns que todo o que tocan o converten en lixo. E non estou seguro de que, se non fose pola pouca vergonza que aínda lles queda, non farían o mesmo os deputados da dereita cada vez máis extrema.

 

Foto do Huffington Post

     Espectáculo lamentable nun lugar onde a palabra debe presidir as intervencións dos parlamentarios (aínda que iso, dende que a ultradereita entrou no Congreso, escasea demasiado a miúdo). Un acto de desprezo que se une a toda a chea de actos que levan protagonizando dende sempre e, moito máis, dende que accederon a postos de poder. Foi terrible para min. Noxo.

 

     Esta xente non cre na democracia. Enganan a xente que non dá máis de si, que non reflexiona, que se deixa influír pola manipulación dos sentimentos. Só queren guerra, montar escándalos, presentar denuncias falsas para que os aplaudan os medios ao seu servizo. Son sinónimo de bronca, de subida de soldos en canto tocan poder, de non ter escrúpulos nas súas declaracións, de rachar a convivencia a prol dos seus intereses. Están aí para aproveitarse da democracia, na que non cren nin crerán nunca. Non teñen programa, só enfrontarse á modernidade dun país. Criminalizan os inmigrantes, son homófobos, violentos, mentireiros. Queren facerse coa educación e a cultura para manexala ao seu gusto, baleirándoa de contidos sociais e intelectuais. Poderá seguir. Hai un milleiro de exemplos. Mais abonda.


     Iso si, acadaron meditatizar a política do PP e tirarlles as cores aos seus dirixentes que rematan facendo mil manobras para aparecer na sociedade como un partido liberado de fascismo. Non o conseguen porque os precisan para acadar poder.

 


     Oxalá o emprego das linguas minorizadas (tan importantes como calquera outra) sexa normalizado e as bestas que o queren impedir fiquen caladas. Non vai ser fácil, pero o valor da xustiza cultural e lingüística demándao.

 

     Oxalá non vexamos de novo este triste espectáculo, bochornoso e lamentable no Congreso. Teño as miñas dúbidas; porén, sentir a involución democrática faime coller tanta forza para berrar en contra da insolencia.

 

 

     Remato cun poema na defensa do noso idioma: Deitado frente ao mar. Escrito por Celso Emilio Ferreiro hai tempo, sempre foi un refuxio e un apoio imprescindible no acontecer da miña vida. Un poema do seu libro Longa noite de pedra, tan celebrado e necesario.

 

Celso Emilio Ferreiro

Deitado frente ao mar

Lingua proletaria do meu pobo,

eu fáloa porque si, porque me gosta,

porque me peta e quero e dáme a gana;


porque me sai de dentro, alá do fondo

dunha tristura aceda que me abrangue

ao ver tantos patufos desleigados,

pequenos mequetrefes sen raíces

que ao pór a garabata xa non saben

afirmarse no amor dos devanceiros,

falar a fala nai,

a fala dos avós que temos mortos,

e ser, co rostro erguido,

mariñeiros, labregos da linguaxe,

remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque si, porque me gosta

e quero estar cos meus, coa xente miña,

perto dos homes bos que sofren longo

unha historia contada noutra lingua.

Non falo pra os soberbios,

non falo pra os ruíns e poderosos,

non falo pra os finchados,

non falo pra os baleiros,

non falo pra os estúpidos,

que falo pra os que aguantan rexamente

mentiras e inxustizas decotío;

pra os que súan e choran

un pranto cotidián de bolboretas,

de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas

de tódolos que sofren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña,

berce da miña estirpe,

Galicia, doce mágoa das Españas,

deitada rente ao mar, ise camiño...