Intentando ordenar -algo que
nunca consigo- a miña enorme biblioteca persoal, dou cun libro que, publicado
en 2015, me agasallaron e fíxome moi feliz.
Falo de La nueva educación. Los retos de un maestro de hoy. O seu autor, César Bona, un dos cincuenta mellores mestres do mundo segundo o Global Teacher Price (non creo nada nestas distincións globais de “o mellor…”, pero deixémolo así).
As teorías de César Bona son
compartidas por min dende hai xa ben tempo. Un dos seus puntos máis importantes
consiste na implicación do ou da docente co seu alumnado. Afirma Bona que o
mestre non debe acomodar os alumnos e alumnas a uns plans de estudo, porque
todo educador debe adaptarse ao motor imparable do neno/a. Imprescindible
motivar, estimular a súa creatividade e aguilloar a súa curiosidade. Chámaos
habitantes do presente, algo máis ca os adultos do futuro.
O educador é para César Bona
un ser privilexiado que pode impartir e compartir os seus coñecementos en
tribu.
Estas e moitas afirmacións
que se poden ler no libro, non resultan alleas a eses e esas docentes que levan
moito tempo poñendo en práctica, con ilusión e intelixencia, estes e outros
presupostos necesarios para que o alumnado desenvolva a súa capacidade tanto
intelectual coma afectiva (non é así, admirada María Rosa Serdio, poeta e mestra
exemplar?) na etapa de formación.
María Rosa Serdio. (Foto Rev. Arena y cal)
Pero non está de máis
recordar estes puntos, tan lóxicos como esquecidos demasiadas veces.
E convén recordalos nestes
momentos da involución que a dereita extrema e a ultradereita queren impoñer ao
acceder á educación (que terrible!) e á cultura en concellos e autonomías deste
país. PP e Vox están propoñendo unha volta atrás en dereitos fundamentais no
proceso educativo que me aterran. Pin parental, ideoloxía ultraconservadora,
mentiras, manipular contidos, eliminar outros, atacar a igualdade, machucar a
liberdade docente e tantas e tantas barbaridades que dan medo.
Non o esquezamos: xogámonos
moito no eido educativo para permitir estas involucións que empobrecerán o
presente e o futuro de xeracións que precisan de amplitude de horizontes para
que a súa formación os faga máis cultos, máis abertos e máis libres.
Como di César Bona,
refiriéndose aos estudantes, "estes deben saber que se propoñen algo e loitan por iso,
poden conseguir ser moi fortes nas situacións adversas e terán moi claro que
deles e delas depende que o mundo sexa un lugar mellor”.
Axudémolos, pois, a que o
entendan, o interioricen e acaden estes obxectivos.
Antonio García Teijeiro