Paco Ibáñez durante o concerto, acompañado de Mario Mas (Foto de Susi Fernández) |
De novo, Paco Ibáñez
en Vigo. De novo volveu emocionar a tantos fieis seguidores que non o abandonamos
nunca, porque forma parte das nosas vidas.
Próximo, crítico (ai, a
teima do inglés!), irónico, agarimoso e ocorrente.
Feliz de sentir o cariño do público.
Cheo de anécdotas, fixo rir á xente, animounos a cantar e encheu de emoción as
butacas do Auditorio do Mar.
Dezasete cancións interpretou neste concerto (tres
delas en galego: Pomba, Que ocorre na terra? e a canción sobre o
poema Inverno, de Celso Emilio Ferreiro, co título de Chove).
Dúas máis en éuscaro, acompañado polo excelente acordeonista vasco, Joxan
Goikoetxea.
Antonio García Teijeiro lendo a Oroza. (Foto de María Luisa Abad) |
Brillou ao seu lado, coma
sempre, o extraordinario guitarrista Mario Mas, man dereita do trobador,
que fixo as delicias da concorrencia pola súa mestría e o seu agarimo polo
artista.
Despois, repasou moitos dos seus
clásicos e puidemos gozar con Lorca, Machado, O Arcipreste de Hita, Quevedo,
José Agustín Goytisolo ou Rafael Alberti entre outros.
Por certo, especialmente emotiva foi a
canción final deste último, A galopar, co público cantando entregado
e eu compartindo con Paco e os músicos o escenario para poñer punto final a un
memorable concerto.
Compartindo escenario con Paco Ibáñez (Foto de Anxo Cabada)
A actuación de Paco Ibáñez en Vigo celebrouse grazas ao empeño da Asociación Évame -Oroza e, en especial, do seu presidente Xabier Romero.
Houbo un acto previo de homenaxe a Carlos
Oroza, un dos grandes poetas orais da poesía española, no centenario do seu
nacemento, coa proxección dun vídeo e a lectura dalgún dos seus poemas máis
significativos e un a elo dedicado pola miña parte.
Todos galopando (foto de Susi Fernández)
Ninguén saíu defraudado do Auditorio. A
calidade humana e artística de Paco Ibáñez brillou, unha vez máis, moi preto do
mar vigués.