Na FILbo |
Amo fondamente América
Latina. Os seus proxectos novidosos, as súas culturas indíxenas, a forza da
terra e, sobre todo, as súas xentes son dignos de telos presentes decote.
A tenrura da xente |
Comprobeino en México,
Medellín, Buenos Aires, na Habana e, hai uns días, en Bogotá, a capital de
Colombia.
Visitei esta cidade convidado pola Feira Internacional do Libro (FILbo) para particicipar en tres actos deste evento extraordinario.
As emocións vividas estes
días están aínda a flor de pel debido ao afectos, a educación e o interese con
que foron seguidos estes tres actos polo público en xeral.
Sen palabras fiquei no Centro
de Día “Las Acacias”, no barrio do mesmo nome, na localidade limítrofe
con Bogotá, Ciudad Bolívar. As sensacións vividas alí son difíciles de expresar
con palabras. Persoas maiores, moitas delas con problemas económicos grandes,
participaron no encontro cunhas ganas incribles. Programas inclusivos nestes
centros (25 en Bogotá) que fan da vellez un período rico, luminoso en
actividades, afastado de clichés e que serven para que esas persoas se sintan
útiles. E de que maneira!
No Centro de día "Las Acacias", despois do acto |
Linlles, cantaron, xogamos
coas adiviñas, dixeron poemas en voz alta, deixaron testemuños persoais ben
emotivos e…fomos felices!
Cos maiores. Que emoción! |
O segundo acto, xa no
recinto da Feira discorreu arredor do que é escribir poemas para a infancia,
descubrir a mirada dun neno ou nena a través da poesía. Compartín conversa coa
escritora, investigadora de LIX e antóloga de poesía colombiana escrita para a
rapazada, Beatriz Helena Robledo. Puntos de vista moi coincidentes que
me permitiron observar o bo camiño e saúde da poesía infantil colombiana. O
acto foi retransmitido por televisión e polas RRSS.
Con Beatriz Helena Robledo e Laura, a moderadora |
E o terceiro acto foi moi
especial para min, porque, case dezaseis anos despois, volvín partillar
conversa cun ser excepcional: Fredy Chikangana, poeta wayuu, que escribe
en quechua. Emotividade a miles, xa que o tema da mesa era a relación entre as
nosas linguas (galego e quechua) con relación ao español. Asistiu moitísimo
público que seguiu moi atentamente as palabras de nós os dous e os recitados
nas nosas linguas respectivas. A moderadora, magnífica, foi Adriana Mª
Campos, investigadora e doutora en Literatura da Universidade de Los Andes,
que fixo da conversa unha serena reflexión sobre as diferenzas entre linguas
maternas e culturais.
O público aplaudiu cada
recitado e saíu moi satisfeito do acto.
Con Fredy Chikangana e Adriana Mª Campos, a moderadora |
Unha nova experiencia que,
grazas á poesía, me fixo máis humano e máis consciente, se cadra, da necesidade
de apertura a culturas que, sendo tan próximas, resultan excesivamente
afastadas das nosas realidades. E canto nos enriquecen!
Na Praza Bolívar diante da estatua do Libertador |
Pouco tempo libre. A Feira é
algo que te envolve, que te emociona (cantos escolares enchían as mañás
paseando por ela e achegándose aos libros!), pero tivemos tempo de achegarnos a
La Candelaria, centro histórico de Bogotá) para gozar da beleza
do lugar e pasear por rúas fermosas, pola Praza Bolívar e visitar
os museos del Oro e de Fernando Botero, cada un no
seu estilo, espectaculares.
No Museo del Oro |
E reencontros con escritores
e escritoras coñecidos como o cubano Enrique Pérez Díaz (cantos anos sen
abrazalo), Ana Alcolea (moito compartimos con ela), Fanuel Henán, María García
Esperón e poder saudar outros como John Fitzgerald Torres, con quen intercambiei
algún libro de poesía infantil.
No Museo Botero |
Salientar, tamén, que México
foi o país convidado pola Feira neste 2023. Cun pavillón fermoso e deseñado con
moito gusto, puidemos admirar murais dunha beleza extraordinaria, papiros de
hai séculos e a máquina de escribir que mercou no país centroamericano Gabriel
García Márquez, coa que escribiu Cien años de soledad. Unha
alfaia para os que amamos a escrita deste autor.
No Pavillón de México, diante da máquina de escribir de García Márquez |
Repito, nunca poderei estar agradecido de abondo á literatura por permitirme gozar das vivencias tan fondas e gratificantes coma esta.
Por certo, dentro dunhas
datas, Versos e aloumiños subirá os audios das conversas do 2º e
do 3º actos, gravados para o noso blog.