Sen dúbida o mar é unha das
lembranzas máis significativas na miña vida. Os meus primeiros medos diante
desa masa enorme de auga permanecen na miña memoria xunto co pracer que, unha
vez superado ese inicial temor infantil, me produciu sempre ao mergullarme nas
súas augas cristalinas.
Teño para min que as miñas
veas son de auga salgada. Amo o mar fondamente. Sinto auténtica emoción perante
as súas flutuacións, os seus bicos deitados na area, o seu recendo fresco e
intenso, os ronseis máxicos que van deixando as embarcacións que o sucan
acotío, as ondas que chiscan os seus ollos para que nos deixemos abanear
docemente nos seus brazos de escuma.
Por todo isto e por tantas outras cousas, a miña obra sempre estivo tinguida de mar. Porén, faltaba algo: dedicarlle un libro completo a esta miña paixón mariñeira. Foi tanta a emoción sentida, cando me puxen a iso, que o mar, calmo ou tempestuoso, me levou a escribir tres poemarios dirixidos á rapazada, Un deles, Poemar o mar, atinguiu un recoñecemento inagardado e conveteuse no referente esencial do meu proxecto salgado. Quixen presentar os poemas deste libro como unha homenaxe a un espazo que me conmove decote.
O mar nas súas múltiples facetas lúdicas, pero
tamén tráxicas. Un mar que ronca, que molla os versos, que chora por dentro e
cala por fóra, que ten trenzas, pero que tamén é berce de naufraxios. e vítima
da inmundicia deitada pola maldade do ser humano. E tratei de facelo cunha
linguaxe rica, fresca e con imaxes suxestivas.
Intentei con estes poemas
fundir a emoción mariña coa emoción poética e facer partícipe ao lectorado da
forte capacidade que o mar posúe como eixe creativo.
Ilustración de Xan López Domínguez para "Poemar o mar"
Porque se pode falar do mar de moi distintas maneiras. Cando eu me enfronto a poetizalo, intento fuxir da creación dun catálogo dos elementos e dos seres vivos que o forman. Intento conxugar os sentimentos mariños cos meus sentimentos persoais e darlles capacidade poética.
Procuro crear un todo e ir amosando o espírito do mar coma un
personaxe que temos aí para velo e escoitar
as súas verbas, que nos agarda, que nos chama, que nos ama e que forma parte da
nosa vida. Unha personificación, en definitiva, chea de trazos humanos,
recoñecibles, na busca dun respecto grande por parte do lector, cun contido
lúdico e fondo á vez.
Antonio García Teijeiro
Ilustración de Xan López Domínguez ("Poemar o mar") |