E, de súpeto, no medio de toda esta situación tan estraña de confinamento forzado na casa por mor da pandemia global, vai Bob Dylan e publica unha nova canción, "Murder Most Foul". E non é unha canción calquera, senón un tema de case que 17 minutos que xira arredor do escuro a aínda non esclarecido asasinato de John Fitzgerald Kennedy en Dallas no mes de novembro de 1963. Segundo lle comentou alguén ao propio Dylan, ese foi o día no que comezou a xeira do Anticristo, o día no que a alma de toda unha nación foi arrincada, o intre que sinalou o inicio do declive de toda unha cultura. Nesta canción, a primeira orixinal que Dylan saca á luz en case oito anos, dende ese excelente disco titulado Tempest, o de Minnesota reflexiona sobre o magnicidio e trae o pasado ao presente a través da súa visión crítica. É unha canción épica, apocalíptica, recitada máis que cantada por unha voz de Dylan que adquire a personalidade dun vello bardo que nos fala do pasado para que non o esquezamos e o apliquemos ao presente, deixando tamén algúns comentarios moi interesantes sobre ideas das que hoxe tanto se fala como a de verdade ou a de liberdade. Nun vídeo que publicou non hai moito na súa canle de YouTube, Antón García-Fernández ofrece un comentario crítico sobre este "Asasinato moi vil", analizando os múltiples contidos e as moitísimas referencias musicales e culturales que atopamos na súa letra. Por se vos interesa, podedes ver o vídeo de Antón premendo nesta ligazón.