TÍTULO: O segredo de Avó Oso
AUTOR: Pedro Mañas
ILUSTRADORA: Zuzanna
Celej
Versión galega de Manuela
Rodríguez
EDITORIAL: Kalandraka,
2019.
Pedro Mañas é poeta –un bo poeta- e ben que se
nota cada vez que escribe un texto en prosa. Teño diante miña, un álbum
fermosísimo, O segredo de Avó Oso, publicado pola editorial Kalandraka. Entusiasmoume.
Unha escrita poética,
maxistralmente descritiva, chea de tenrura e delicadeza. Cunha economía de
linguaxe que se agradece nos álbums, o autor vai tecendo unha historia de
misterio que se desenvolve na natureza. É a natureza un personaxe máis do álbum
que nos presenta o remate do inverno moi ben representados polo autor e pola
ilustradora.
E se falamos de
poesía, fixemos a atención no comezo da historia: Coma un borrón de tinta chinesa sobre un caderno en branco. Así cae a
sombra de Mamá Corvo sobre as árbores. Un delicioso comezo que augura un
relato delicado e elegante.
É o bosque nevado
o escenario onde se atopan Mamá Corvo
e Avó Oso. Este remata o seu letargo
invernal pero non é quen de lembrar onde agochara un segredo. Isto obsesiónao. Buscan
e buscan pero o segredo non dá aparecido. A resposta sempre é a mesma : Non, non foi aí onde o agochei. Como
dubida, perde seguridade e, daquela, séntese vulnerable.
Pedro Mañas
escribe un texto de misterio, si, pero ateigado de poesía que nos permite
acceder a unha natureza humanizada, marabillosamente descrita polo autor e na
que as prosopopeas e as metáforas dan brillo ao texto. E o texto, en conxunción
coas ilustracións, aparécenos brillante e cheo de agarimo por todo aquel
que aparece nesta historia. Pura
felicidade.
Zuzanna Celej |
Unha historia,
unha fábula, dunha beleza extraordinaria que remata de xeito marabilloso e que
nos queda moi preto do corazón.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO