domingo, 13 de noviembre de 2016

REMUÍÑO DE LIBROS (1) : "Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada", de Carlos Labraña




Versos e aloumiños” foi, dende o seu inicio, moi sensible á literatura infantil e xuvenil.
     Os que facemos este blog-revista cremos fondamente na súa necesidade nesta sociedade nosa e non concibimos que o alumnado pase polas distintas etapas educativas de costas á literatura.
     Nas nosas entradas ao longo destes anos as reseñas sobre libros de LIX foron aparecendo, conscientes da importancia da lectura. Pero consideramos que debe haber máis constancia neste eido e queremos que os libros para nenos/as (e adultos) teñan máis presenza.
     
Alba Piñeiro
     Por iso abrimos unha nova sección: “Remuíño de libros”, que correrá a cargo da profesora de Secundaria, Licenciada en Filoloxía Galega e especialista en LIX, Alba Piñeiro. Aínda están na nosa lembranza as súas columnas no semanario “A Nosa Terra”, que abriu os ollos a tantas persoas que se interesaban pola boa literatura que se escribe para os pequenos (e grandes!).
     
     Unha razón máis para que “Versos e aloumiños” siga medrando.
     Unha razón máis para que prendan luces de esperanza ao noso redor  porque, como di Luis Eduardo Aute nunca canción: “Qué feo, feo, feo mundo…!
     
      Fagámolo un pouco máis bonito.

     Todos somos responsables.





Título: Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada.
 
Autor: Carlos Labraña.

Ilustracións: Rodrigo Chao.

Editorial: Galaxia. Colección: Árbore.

Carlos Labraña,autor recoñecido no eido do teatro para o público infantil, achégalles esta farsa humorística protagonizada por un elenco de personaxes extravagantes. 
     Esta peza teatral, estruturada en dous lances que se distribúen en catorce escenas e un epílogo, ten coma fío condutor o humor. A través del, o autor é quen de darlles vida a uns estrafalarios compoñentes dun circo que teñen coma obxectivo, ao longo da obra, buscar financiación para poder pagar as súas débedas e continuar contaxiando coa súa profesión. Un equívoco será o punto de partida que dará lugar ao desenvolvemento da acción dentro dun banco que vén de quebrar. A partir de aquí asistimos a unha serie de situacións absurdas por medio das cales o autor pon de manifesto, dun xeito natural, o que significa a crise económica e as súas consecuencias no comportamento humano. 
Carlos Labraña
     A linguaxe sinxela e directa axuda o lector a entender como nunha sociedade gris na que só domine o material, as cores dos soños e da maxia corren o perigo de desaparecer.
     As ilustracións de Rodrigo Chao recrean perfectamente os diferentes personaxes e afondan no seu valor simbólico.
                                             
                                                                                   Alba Piñeiro