viernes, 18 de noviembre de 2016

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS ( LIV ) Ana María Fernández






                        ANA  MARÍA  FERNÁNDEZ  (Palma de Mallorca, 1949)





HORIZONTE


O horizonte era unha vela,
Ana María Fernández
un enxame de barcos,
un poema de brumas
con veos brancos.

Soaban os claríns
do concerto mariño,
xiraban os delfíns
no zigzag do camiño.

O horizonte era unha vela
que se estendía,
mentres un mar de raios
de sol caían.


RÚAS

Rúa viaxeira,
rúa con esquinas,
con tres curvas longas,
con casas torcidas,
rúas con farois,
con pombas perdidas,
con cans, con caxatos,
con xente, con vida,
rúa que reúne
amigos e amigas
que abre os comercios
se ve a luz do día…,
rúa con zapatos,
bicis e tranvías,
rúa longa, longa,
con dez travesías
por onde pasean
bágoas e alegrías.



O PERFIL DO BOSQUE

O perfil do bosque
está mollado.
Hai bágoas de chuvia
nun froito asustado.
As follas teñen lumes
de laranxa pintado
e, no camiño da lesma,
brilla un sol imaxinado.
Sinto no ambiente incerto
a música dun mundo antepasado;
está prendido no aire,
que hoxe fala calmado.
O perfil do bosque
é dun soño agochado.



A CHUVIA

A chuvia cae devagar
nun acorde de ramas.
A orquestra gris das nubes
fala que fala.
En si bemol un vento
maino, que a abala,
trae latexar contento
de auguiña clara.
Piano, piano…
decorren os minutos
eiras e fragas.
Piano, piano…
e a orquestra gris das nubes
xa logo cala.


(Do libro Versos de tarde laranxa, editado pola Editorial Galaxia. 2016)