sábado, 19 de diciembre de 2015

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS ( XLVII ) Xosé Neira Vilas (2)





XOSÉ  NEIRA  VILAS  (Gres- Vila de Cruces, 1928 – 2015)




O SOL
 
Baixou o sol raioleiro,
foise pousando nas tellas,
chega a luz e o caloriño
ás plantas que coida a nena,
porque do traballo sae
toda esta linda beleza.
Coa luz renacen as flores
e hai vida e amor na terra,
o sol enche de alegría
montes, camiños e leiras.





PRAIA

Cando Irene está na praia
e camiña pola area
pensa no xardín sen auga,
cavila na terra seca
e dille a mamá baixiño:
“eu quero volver á aldea”.
E outro tanto lle pasa
na cidade barullenta,
prefire escoitar paxaros
e ir e vir entre as macetas.




O PAXARIÑO


O paxariño foi vindo
e pousouse na camelia,
estivo canta que canta
moi alegre, a tarde enteira
mentres o cricrí do grilo
podía oírse entre as herbas.
Armouse unha cantaruxa
moi alegre e musiqueira
e todos, todos pensaron
que había festa na aldea.

Ilustración de Leandro Lamas






SOÑO

Soñou Irene unha noite
que o seu xardín xa non era,
as flores secaran todas,
xa non viñan as abellas.
e fórase Brancaneves
cos sete ananos tras dela.
Ergueuse na mañanciña,
¡ai!, o xardín non morrera.
Reuse, bicou un anano
e abrazou forte á camelia.




(Do libro O xardín de Irene, editado por Edicións Embora, 2015). Ilustracións de Leandro Lamas.



Leandro Lamas e Xosé Neira Vilas na presentación do libro.