Xulio García Rivas |
Xulio García Rivas é un pintor dunha
categoría incuestionable, de quen o poeta Xavier
Seoane escribiu que en García Rivas
se nota un decantado coñecemento da tradición pictórica da paisaxe. E, en
concreto, do romanticismo, do postimpresionismo, da abstracción contemporánea e
de certos rexistros da “action party” ou dos expresionismos abstractos. Ou da
tradición oriental chinesa e xaponesa. Hai, con evidencia, pintores da
tradición, como Turner ou Friedrich, ou da contemporaneidade, como Zao Wu Ki,
Mompó, Zóbel, Cy Tombly, entre outros, fértiles en desmaterializacións,
transfiguracións e vibracións… para engadir noutro parágrafo que o pintor constrúe, cun xogo metamórfico
de equilibrios e liberdades, de ordes e de azares, unha fenomenoloxía estética
e expresiva dos sentidos, das vivencias e das emocións a través dunhas
composicións melódicas e vibrátiles(…)
Moi acertada definición dunha obra tan
complexa como suxestiva, tan aparentemente sinxela como evocadora de vivencias e sentimentos, das luces e das
sombras que poboan a vida dos seres humanos.
O catálogo que se fixo para estas dúas
exposicións, que levan por nome Pintura
sobre papel, é unha xoia plástica e poética. Unha fermosa antoloxía que
vencella pintura e verso da man de poetas tan interesantes coma Francisco X. Fernández Naval, Mª Xosé
Queizán, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán Vello, Eva Veiga ou Marga do Val, ademais do
interesantísimo artigo do xa citado anteriormente Xavier Seoane.
Versos e aloumiños irá publicando os poemas deste catálogo, comezando
pola miña achega ateigada de agarimo e de admiración.