San Xoán pequeniño. María Fumaça na Coruña. |
Poucos
proxectos literario-musicais hai nesta terra que me conmovan máis ca o de María Fumaça.
Poucos
proxectos hai nesta nosa terra (e mesmo máis alá do Padornelo) que posúan o
espírito de María Fumaça. Un
espírito solidario nun marco de alegría, de música, de cancións, de
participación artística e de calidade.
Quen viron
actuar ao colectivo saben do que falo.
Todos
aqueles e aquelas que cantan as súas cancións, que bailan coa súa música, que
miran aos ollos os / as intérpretes cando actúan, comprenden axiña a
autenticidade e o agarimo que cada xesto, cada movemento, cada baile desprende.
Tras a saída
do seu último traballo, Xiqui, Xoque,
Fiú, Fiú!, Versos e aloumiños xa non quixo perder a oportunidade de que María Fumaça tivese o protagonismo que
merece.
Anteriormentre
falamos deles, pero nós queriamos que se coñecese a fondo este proxecto. Por
iso, pedímoslles que fosen eles mesmos quen nos contasen a súa historia. Esa historia
entrañable arredor de Ruí. Pura emoción humana e artística. Que non se nos
esqueza: a calidade da súa obra resulta evidente e o seu poder de atracción é
imposible de explicar.
Se ledes
estas liñas fantásticas que escribiron para nós, ou sexa, para vós,
comprenderedes o que quero dicir. Porque, dígoo con sinceridade, son incapaz de
expresar o que levo sentindo desque os coñezo.
Grazas e
parabéns, amigos e amigas do tren María
Fumaça, polo labor que desenvolvedes no eido da música para os cativos,
algo tan necesario que nunca se vos agradecerá demasiado. Nestes tempos de
baleiro ideolóxico, de tristeza, de eivas sociais e humanas, de comportamentos
egoístas e inxustos, sodes absolutamente imprescindibles. Que o tren se deteña
en todas as estacións posibles, pero que non deixe de transitar polos nosos
sentimentos endexamais.
Versos
e aloumiños pon un traxe especial de festa para recibirvos como
merecedes.
María
Fumaça, que é como se denomina o tren de vapor no interior de Brasil, é o nome
que escollemos para este proxecto familiar e de amigos.
Decidimos
gravar cada Nadal un feixe de cancións co obxectivo de facer un agasallo a Rui, que padece unha discapacidade, para estimular a súa inclusión a través da
música nunha xornada na que íamos construíndo un universo sonoro e afectivo no
que Ruí é o eixo principal.
Máis isto
non ten lugar nun típico estudio profesional, senón na sala da súa casa do
Amieirolongo que se converte nun espazo lúdico, festivo e de intercambio de
sensibilidades artísticas vencelladas ao mundo da canción infantil.
Despois
de sete edicións deste humilde produto totalmente artesanal, conseguimos reunir
setenta cancións para todos os gustos e idades que foron xurdindo dun xeito
natural coa única pretensión de conservalas no
noso ámbito máis próximo.
Algunhas carátulas das sucesivas edicións de María Fumaça.
|
O
repertorio de Maria Fumaça abrangue un amplo abano de cancións, algunhas
certamente moi populares e outras de nova creación. O noso corazón bateu a
ritmo de forró, de vira miñoto, muiñeira, rumba, samba, hip hop, rock e todos
os xéneros imaxinábeis.
Para
participar e facer o percorrido so houbo que levar un paquetiño de bo humor,
cancións-lambetadas, auguiña fresca por se apreta a sede e unha boa dose de
espíritu de aventura para subir vales e montañas a paso lento e sen destino
certo. Vivimos cada nova viaxe con moita alegría, e coa colaboración xenerosa
de tod@s nas diferentes expedicións ás que se foron sumando caras novas e
outras xa habituais.
Na
concepción musical e arranxos contamos habitualmente coa madriña de Ruí, Uxía e
coa guitarra e o cavaquinho do ‘brasilego’SérgioTannus que nos brinda sempre
unha base musical de luxo. Tatán saca o acordeón e as súas dotes
interpretativas, ao igual que Andrés (ambos de Tanxarina Títeres). As
tías Ana, Raquel e Pablo (SondeSeu, Malvela), as primas María, Nuria, mamá Chus
e papá Manuel compoñen, tocan e cantan.
Isaac Palacín, o noso técnico-amigo, guíanos como sempre, con infinita
paciencia e sabedoría pola senda dun son fresco e dinámico. Dende o Barco,
Magín Blanco trae a súa desbordante
imaxinación e músicas inéditas feitas
expresamente para Rui. O prestixioso deseñador gráfico e ilustrador P. Pastor
aporta o seu oficio para reflexar en imaxes o ambiente e a nosa
intención orixinaria. Amigos como Blanqui, os do Cuartel, os saharauis Tutu,
Dunia e Ali, Denís, o avó Sío, Lilian França, Fred Martins, Isabel Leal e
outros moitos, cada un coa súa
función, comparten con nós a ilusión de
por a nosa locomotora a andar. O combustible: as lentellas de Fita e a súa voz.
E Rui,
sempre presente, brindándonos o mellor momento do día, cantando como solista
sinfonías vocais extraordinarias que lembran o son máxico da linguaxe das
baleas.
E así ano a ano, edición tras edición, fomos sabendo
da súa boa acollida por parte de pais e nais, educadores e rapaces. A través do
boca a boca, dos blogues de centros escolares, das bibliotecas, das asociación
culturais, o fume da nosa locomotora foise espallando e chegando a xente que nin imaxinabamos,
tanto de aquí como de outras comunidades e países.
Foi
entón cando pensamos que compartir o noso proxecto en forma de escolma a través dunha editorial
coma Galaxia sería unha boa maneira de espallar polo mundo a alegría desta
reunión musical sen precedentes.
E así
foi como no ano 2012 publícase “María Fumaça. Cantar e bailar para ser máis
feliz!!!” e neste 2014 “Xiqui Xoque Fiú Fiú”.
A súa
presentación polas diferentes feiras do libro, salas e auditorios de toda Galicia é realmente emocionante. A
familia María Fumaça –cada vez somos máis!- enchemos de cor e de festa cada escenario ao que subimos. E tratamos de
contaxiar a todo aquel que nos escoita a alegría de vivir, de compartir, de
incluir, de ver cantar a pais ,nais e fillos cunha soa voz e … en galego!.
A familia María Fumaça.
E para rematar, escoitamos a canción Xa son maior, grazas á amabilidade desta entrañable familia e ao esforzo de Mari Carmen Barciela, quen se tomou un enorme interese para que estas liñas vexan a luz no noso blog-revista.
Grazas a todos.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO