miércoles, 26 de marzo de 2025

FAÍSCAS (26). A celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2025.

 



O vindeiro 2 de abril celébrase, como cada ano, o Día Internacional do Libro Infantil.

Non imos incidir en Versos e aloumiños na importancia que a lectura ten para os rapaces e rapazas nunha sociedade demasiado informatizada e na que as RR SS posúen un influxo enorme sobre a infancia e a mocidade.

Como se non puidesen ser compatibles, semella que o libro, a súa lectura en soidade ou compartida, está a quedar algo relegado.

Nós cremos que non se pode permitir que a rapazada pase os anos de formación de costas á lectura.


Entre e sobre libros de LIX



Por iso, consideramos interesante a celebración deste día…sempre que ao día 2 de abril lle sigan os demais do almanaque con libros entre as mans, porque de nada serven as celebracións se non van acompañadas dun xeito cotián para que se cumpran os obxectivos.

 

Este ano, é a poeta neerlandesa, Rian Visser, quen se encarga de facer o texto cun poema, traducido ao galego por Mercedes Pacheco e que leva por título Linguaxe Visual.

 

E a ilustradora da mesma nacionalidade, Janneke Ipenborg, quen fai o cartel desta celebración.

 



Celebremos con ledicia este día e sigamos facendo todos os días o Día do Libro infantil.


jueves, 20 de marzo de 2025

FAÍSCAS (25) POEMA DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO para o "Día Mundial da POESÍA"

 



O día 24 de marzo celébrase en todo o mundo o “Día Mundial da Poesía”.

Eu, que non son dado á celebración destes días, vou rachar o meu costume e 

para uns actos en Vigo escribín este poema.

Oxalá as persoas que teñen na man facer que a poesía chegue ao maior número 

de lectores dean o paso de valorala e achegar, en principio, ás escolas, porque, 

non teño dúbidas, a rapazada e a mocidade sempre están abertas a recibir 

sensacións positivas que os versos producen. E por aí hai que comezar.

 

 


(Biblioteca Pública Antonio Odriozola. Pontevedra)







“A orquestración das palabras, o colorido das imaxes e a contundencia dunha boa métrica outorgan á poesía un poder sen parangón. Como forma de expresión íntima que permite abrirse aos demais, a poesía enriquece o diálogo que cataliza todo progreso humano e é máis necesaria que nunca en tempos turbulentos.”

 

                                                 AUDREY AZOULAY, Directora xeral da UNESCO






                                         POESÍA

 

                     E  nun principio  foi  POESÍA

                                foi  medianoite

                                foi  alegría

E nun principio   houbo  cancións

                                houbo  poetas

                                houbo emocións

E no principio      naceu o lume

                                naceu o verso

                                naceu o fume

E no principio      falou o mar

                                falou a rosa

                                chegou a paz

E no principio      soprou o vento

                                sorriu a lúa

                                cantou o merlo

 

                    Tempo de versos.

                     Día tras día.

                     Brillo no ceo.

                     POOOO…POESÍA!

             

                                                                   Antonio García Teijeiro        


 


miércoles, 26 de febrero de 2025

ANTÓN GARCÍA FERNÁNDEZ CONVERSA SOBRE ROCK E LEMBRANZAS CON JORDI SIERRA I FABRA

Entre as miñas mellores lembranzas de cativo e adolescente atópanse as moitas ocasións nas que o escritor Jordi Sierra i Fabra, amigo de meus pais dende hai décadas, viña a Vigo por calquera razón e pasaba sempre pola nosa casa. O propio Jordi sabía que entón eu ía aproveitar eses momentos para facerlle todo tipo de preguntas en especial sobre os meus adorados Beatles. Porque, claro, eu xa tiña lido moitas das novelas de Jordi (clásicos como El último verano miwok, Campos de fresas ou Malas tierras), pero coñecía tamén a súa faceta como crítico e historiador do rock. E para min naqueles intres esa faceta tiña aínda máis interese ca  a súa literatura, pois xa lera con devoción El joven Lennon (unha novela de temática beatlemana que me causaba tal fascinación que eu mesmo quería ser ese xove Lennon), o Diccionario de los Beatles (o primeiro libro deste estilo xamais publicado, e con moito material gráfico da colección persoal de Jordi) ou o Diario de los Beatles (obra magna para min importantísima neses anos previos a internet). Pola casa de meus pais andaban tamén as enciclopedias do rock e o pop de milleiros de páxinas escritas sen axuda de ningún tipo polo propio Jordi, así que para min era tan novelista como historiador rockeiro.




E todas esas lembranzas xurdiron de novo cando escoitei que Jordi viña de publicar, a finais de 2024, Mis años rockeros (Ed. Sílex), un volume de memorias no que fala en primeira persoa de todo o que viviu ao longo dos anos nos que dirixiu revistas musicais da importancia de Disco Exprés ou Popular 1, algunhas das cales mesmo fundou ou cofundou. O libro trata en profundidade a relación de Jordi co mundo do rock, en especial nos anos setenta, antes de que diminuíse o seu labor musical cando decidiu converterse en escritor de novelas. As súas páxinas están cheas de anécdotas (mentres lía o libro lembrei ao propio Jordi contando moitas delas de viva voz durante esas visitas a Vigo cando eu era neno) e o libro é moi recomendable non só por relatar as vivencias de Jordi, senón tamén por reflexionar sobre a historia do rock en España e a súa relación moitas veces tensa coa prensa escrita.


Hai unhas semanas tiven a oportunidade de gravar unha longa conversa con Jordi sobre Mis años rockeros para un novo episodio do podcast literario que presento na miña canle de YouTube, El Envés de la Página, e supuxo para min un indescritible pracer poder parolar con el sen límites de tempo. O resultado déixovolo nesta ligazón agardando que vos interese, pero por riba de todo, recomendando que procuredes e leades este magnífico libro de Jordi.


ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ




martes, 18 de febrero de 2025

PACO IBÁÑEZ CANTA NO TEATRO CAMPOS ELÍSEOS DÚAS CANCIÓNS DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

PACO IBÁÑEZ


Escoitar a Paco Ibáñez cos seus noventa anos nas costas é algo difícil de explicar con palabras.

Os seus concertos son encontros coa xente que o admira, que o quere, que estivo sempre ao seu carón. Todo encontro, coa naturalidade do tempo vivido coas súas cancións, sempre nos presenta ese Paco amable, loitador, humanista, agarimoso, crítico, artista, enorme compositor e trobador dos poetas de todos os tempos. Cada concerto convértese en algo entrañable e máxico.

Iso ocorreu o sábado día 15 de febreiro, no Teatro Campos Elíseos de Bilbao.

Cun público absolutamente entregado, Paco Ibáñez cantou arredor de 18 cancións, entre as que se atopaban homenaxes á terra vasca (3), á nosa Galicia (3) e ao seu referente indiscutible Georges Brassens (2). Tamén soaron Miguel Hernández, Antonio Machado, Francisco de Quevedo, García Lorca, José Agustín Goytisolo, coas popularísimas El lobito bueno e Palabras para Julia, Rafael Alberti etc.

Compartindo escenario con Paco nun concerto en Vigo


Eu tiven a fortuna de escoitar na súa voz dúas cancións: Que ocorre na terra? -como case sempre- e a estrea de O vento dorme. Non puiden sentirme máis emocionado. Sempre me parecerá un milagre escoitar a Paco en galego cantando dous poemas meus por el musicados. A xenerosidade do mestre.

Se a isto lle engadimos unha terceira canción no noso idioma, Chove, de Celso Emilio Ferreiro, temos que salientar o agarimo que lle ten a esta nosa Galicia.

 

Celso Emilio Ferreiro

Cuns músicos extraordinarios como Mario Mas (guitarra) que guía as interpretacións, Joxan Goikoetxea (acordeón), Pep Pascual (efectos especiais) e Pep Bou (poesía visual), o espectáculo adquire un nivel de moitísima altura.

E que dicir da voz marabillosa de Soleá Morente interpretando Nana de la mora, de José Ángel Valente. Deixou engaiolado todo o auditorio.

 


En fin, máis de hora e media de emoción sen límites, que nos deixaron cheos de serenidade e vida. Un concerto memorable.

Versos e aloumiños presenta  o vídeo coas dúas interpretacións dos meus poemas. Védeo e escoitádeo. Sentiredes a fonda mestura da poesía coa música.






jueves, 30 de enero de 2025

Conversa arredor de "Sentado diante da fiestra" na Asociación Évame-Oroza. Xaneiro 2025

 



Que o libro Sentado diante da fiestra dá moito para conversar é un feito.

Así o considerou Xabier Romero, director da Editorial Elvira e presidente da Asociación Évame-Oroza e decidiu que fixésemos unha palestra arredor dalgúns temas que se tratan nesta compilación de artigos.


Os tres participantes no acto

Isto levounos á sede da Asociación a María Xosé Porteiro, escritora, xornalista e activista cultural (á que tanto quero), ao propio Xabier e a min para conversar.

Foi un acto entrañable, dirixido por Mª Xosé, no que interveu Susi Fernández, a miña muller, e algúns dos presentes entre o público.

Moi feliz por estar máis dunha hora falando da miña vida, dos meus obxectivos, de cultura, da sociedade e de literatura, esa arte que tanto nos encanta.

 

O acto foi recollido en audio e, embaixo, está reproducido para todos e todas as seguidoras deste blog-revista.