XOÁN BABARRO (Calvelo de Maceda, 1947)
SOÑOS DE PEIXES PARA MARA
Mara, mara,
miña estrela,
vai a lúa
polo mar.
A marea
arrola os peixes;
no seu colo
veñen…van…
E eles dormen
caladiños
nun palacio
de cristal.
Durme, Mara,
durme, estrela,
que han vir conti-
go soñar.
OS SOÑOS DE XIÁN
Alelís
pintan soños
nas ventás
con raiolas
de rubién
e recendos
de azafrán.
Ai, que din…!
Ai, que dan…!
Que estes soños
son de Xián!
ESTE GATIÑO CORTOU AS UÑAS
Este gatiño cortou as uñas.
Este gatiño non arrabuña.
![]() |
Ilustración de María Lires |
Este gatiño ten moitos dedos.
Este gatiño…, moitos enredos!
Os cinco dediños
dicían adeus:
os cinco xuntiños…
Son meus! Sonche meus!
UN RAPOSIÑO DO ALTO DA SERRA
Un raposiño do alto da serra,
risas e risas, xogaba coa terra,
ás carreiriñas coma unha formiga,
cóxegas… cóxegas na túa barriga!
(Do libro Garabitolas, editado por Edicións
Xerais, na col. Merlín) e ilustrado por María Lires. 2023)