martes, 15 de enero de 2013

A luz das palabras (4): Agustín Fernández Paz

Prometín que non ía falar de Agustín. Nun momento que todos son homenaxes, máis que merecidas, crin quedar sen palabras para poder falar do mestre. Mais non foi así e comecei a pensar nel. Imposible dicir algo novo que non tiveran dito xa antes persoas máis cualificadas ca min. Entón deixeime levar polas miñas sensacións cara a el.

Agustín, mestre de mestres na escola, guía de mestres no pedagóxico, inventor dun mundo de seu literario no que vivimos todos os que amamos a boa literatura e seguimos o ronsel das súas palabras dende tantos puntos de vista que el nos foi descubrindo dende hai ben anos.

Agustín Fernández Paz ten unha ética relacionada intimamente coa súa poética. Agustín é o escritor máis elegante e coidadoso que eu lin en galego xunto con Carlos Casares e Manuel Veiga. Unha prosa limpa que te envolve sen decatarte e que te leva polos sendeiros máis comprometidos da vida. Unha vida complicada que cos libros de Agustín semella máis nidia. Toca moitos paus na súa literatura. E sempre o fai dende o coñecemento do que escribe, moi informado cando trata temas delicados, moi próximo a Lovecraft nos libros de terror e sensible coas redes de sentimentos do ser humano.Gústalle a aventura, tanto interior coma exterior, deixa nas súas obras referencias musicais, cinematográficas ou literarias.

Vexo de cando en cando a Agustín. Falamos de cinema, de literatura, de música. Non hai moito tempo estivemos hora e media na cafetaría Jamaica parolando sen ser conscientes do tempo que pasaba. Eu regaleille dous cedés de Paco Ibáñez (o último, marabilloso, no que Paco canta aos poetas latinoamericanos) e el tróuxome dedicados dous libros, un deles ese extraordinario O rastro que deixamos (Ed. Xerais). Un libro moi especial que ole a memorias en retallos, tan claros coma nel é costume e que nos achega ás súas fontes como creador, ás súas vivencias como home e todo aquilo que para el significa ser escritor, oficio que o axudou a acadar a forza necesaria para cambiar o mundo por medio da palabra.

Desta volta falamos de cine. Eu díxenlle que non atopaba a versión orixinal do film de David Lynch, Unha historia verdadeira, e el faloume da emoción que lle producir a escoita do último disco de Luis Eduardo Aute, El niño que miraba el mar, algo que me encantou oír porque a min me sucedeu o mesmo.

E nesta conversa, pedinlle algo que tivera escrito para Versos e aloumiños. E Agustín, un home xeneroso coma poucos, ofreceume, tras pensar un pedazo, un relato semiinédito (dérao nunha ocasión a un instituto para a súa revista) dun fato de contos curtos que algunha vez se puxera a escribir e ten gardados esperando o seu momento de saír á luz.

Agustín ten moitos premios gañados pola súa potente obra. Ben merecidos, por outra parte. Pero o premio máis importante que ten o de Vilalba é o de ser querido por todos os que o coñecemos e todos e todas os que o leron. Ese é o premio máis querido polos escritores. Grazas, compañeiro!


Gocemos con este breve conto de Agustín Fernández Paz, un luxo para este modesto blog.



UN CASO DE LICANTROPÍA
   Conforme pasaban os minutos, a insolencia daquela alumna ía en aumento. Xa non se trataba só do seu ostentoso desprezo polas explicacións que o profesor, con paciencia infinita, tentaba enfiar naquel ambiente hostil. O peor era que, ademais, a moza dedicábase a atraer a atención do resto da clase con procedementos cada vez máis imaxinativos. Ao contrario que a do profesor, a actuación da moza acadaba, por que non dicilo, un éxito de público cada vez maior.
   Atentos como estaban ás impertinencias da súa compañeira, os alumnos non se decataron das transformacións mínimas que anunciaban o desastre: o medre desmesurado das uñas, as grosas sedas que apareceron polas partes visibles da pel, o sangue coloreando o branco dos ollos, os cairos afiados que asomaban por entre uns labios anormalmente inchados, a mudanza na forma e no tamaño das orellas, a desfeita nas costuras da chaqueta e do pantalón...
   Cando foron conscientes do que ocorría, era xa demasiado tarde. Algúns aínda tiveron un tempo fugaz para pensar en balas de prata e en cruces invertidas, e na ausencia da lúa chea, máis evidente no ceo azul daquela mañá de primavera, e noutras inútiles fantasías literarias e cinematográficas, tan afastadas do ámbito docente e do rutineiro mobiliario escolar que os rodeaba.
   Así de terribles e inagardados son algúns fenómenos de licantropía.