martes, 28 de enero de 2014

A LUZ DAS PALABRAS (37) María Canosa



María Canosa
Dá gusto manter con ela unha relación epistolar. Epistolar, epistolar…non exactamente, porque se trata de correos electrónicos, pero… en fin, unha relación moi bonita que permite ver os diferentes camiños da vida e enchelos de cores.
María é desas persoas amables e agarimosas coas que resulta pracenteira a conversa.

Si, porque con María Canosa as liñas escritas están cheas de dinamismo, teñen vigor, son tan afectivas, tan espontáneas ou tan reflexivas, tanto ten, que semella que estás a falar con ela.
Curioso: non nos coñecemos persoalmente.
Eu lémbroa, alá ao lonxe, sendo unha cativa, acompañando a súa nai  nalgún recital poético ou nalgún acto literario. Iso, o literario, lévao María ben fondo dentro dela.

O seu discurso persoal destila tenrura. Tenras son as palabras que lle dedica decote a Concha. Admíraa e quérea. Que fermoso!
E tenras, moi tenras, son as referencias  que fai ao seu avó, un ser especial que lle contaba tantas historias. Emocioneime coa dedicatoria que lin no seu poemario Acuario: Ao meu avó, que xa se foi e sempre está, coma o vento, o aire, o mar.
Relación con María Canosa
E tenras, por suposto, son as liñas que me escribe, nas que fala da súa filla, Aniña, que veu revoar coma unha bolboreta no xardín dos desexos máis profundos. Unha nena preciosa que ten toliña a toda a familia.

María Canosa é unha muller sensible. Nótase no que escribe, a quen dedica os seus libros (palabras emocionadas ao seu pai “por ser o mariño que mellor coida do meu mar”) e polos correos que me escribe. Lelos é un pracer. Rebordan agarimo.
Encántame que a súa aparición en “Cifras e Letras” da TVG non cambiase a súa sinxeleza. Aí ben se decata un de que esta Enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, ten unha sólida formación humana. María fai da literatura unha parte fundamental da súa existencia. Porque María Canosa xa ten un certo número de libros publicados. Porque xa leva gañados algúns certames literarios. Porque ten participado en obradoiros literarios, seminarios, mesas redondas etc., coa literatura como eixe fundamental. Porque xa leva colaborando nos xornais galegos hai tempo.
Porque María Canosa, dende que naceu, viviu rodeada de libros e respirou un amor grande á literatura. Ter unha nai escritora e gran loitadora no terreo do ensino, si que marca. E vaia nai, Concha Blanco! Así que non é de estrañar que escribise a súa primeira novela para rapaces con tan só 13 anos!!!. Unha novela, Bramido maino, coa que acadou unha mención especial do xurado do Premio Rúa Nova e publicou no ano 1997 Ediciós do Castro.
Un libro moi especial


Faíscas, un libro de relatos, editado por Galaxia na colección Costa Oeste (2009), Matías, un pito de campionato, tamén en Galaxia (Col. Árbore, 2010), Ronca o mar (poemario para adultos, co que gañou o XV Premio Avelina Valladares, Ed. Fervenza, 2011) ou Acuario (poemas infantís, Edicións Embora, 2012) son, entre algún outro, os libros que lin desta muller, apaixonada polo feito de escribir.


María Canosa tiña que estar en Versos e aloumiños. Era de xustiza.
E aquí está cun fermoso texto no que nos fala de onde vén, o que sente, o que pensa. Moi clarificador. Encantoume. Un texto moi persoal, para que gocen con el os lectores deste blog.


Pero antes, non me resisto a deixar aquí un simpático poema para os nenos e nenas. Chámase Agulla, atópase en Acuario, e di así:




Esta agulla
cose con fío
as augas do mar
e non as do río.

Moito lle gusta
Ilustración de Dani Padrón.
na auga nadar
e así as ondas
poder enfiar.

Busca no fondo
do barco pirata
vestidos de seda,
colares de prata.

Ao afouto robalo
quere namorar
con fitas de argazo
vaise engalanar.

Chíscalle un ollo
e mándalle un bico
que lle sae da boca
en forma de pico.


E agora si. Agora podedes ler este magnífico e entrañable texto.
María, moitas grazas.






Non fun unha nena de aldea. E en certo modo, sinto mágoa diso.

Non envexo as longas noites de inverno nas que había que ir apañar verdura igualmente, enchendo os zocos de lama. Nin o frío nas articulacións do corpo cando había que levar o gando a pacer, que un se refregaba contra as vacas para sentir a caloriña no corpo. Nin as horas en soidade cando os pais estaban a traballar na leira e deixaban os cativos sós na casa.

Eu pasaba os invernos pegada ás lapas da lareira do fogar, co arrecendo das castañas asadas e os mecos dos proxenitores.

Con todo, sinto morriña da aldea que nunca foi miña e da que sempre me sentín, do seu espírito. Da fala sincera da madriña, do pan de molete que escachaba de sabor na boca, das mans ásperas e engurradas que me daban os mellores aloumiños. Dos ollos cansos e tristeiros que non deixaban de sorrir.

Esas son as miñas raíces, de onde veño. As que fan posible que chegue alá onde queira ir.

Fun á escola. Con calefacción e libros e biblioteca e distintos profesores segundo a materia. Non tiña que camiñar practicamente para ir a ela, non era necesario levar o encerado con un, xa estabamos cheos de cadernos.

Había nenos, balbordo, ledicia, xogos… e había libros, inzados de historias, palabras, versos, contos. Páxinas e páxinas de papel que envolvían soños e que sempre me rodearon. Entre eles, medrei feliz. Soñando, porque o mundo era ideal. Así medrei e aprendín a dicir nai, millo, tesoiras, lapis, lugar, mundo, paixón. Con toda naturalidade, sen decatarme de que había varias normativas, de que as palabras ían cambiando, de que a lingua estaba a sufrir. Para min, só eran libros nos que sorrir, cos que medrar, ata decatarme de que o zapato do gato con botas era o “sapato do ghato con botas”.

E así puiden aprender máis. E coñecer. A nosa historia, a miña, a da fala que me aloumiñaba e definía.

Porque houbo homes e mulleres, mestres e mestras, que se fixeron escritores e poetas. Si. Cando eu era unha nena. Porque querían darme un futuro xusto. Por iso colleron lapis e papel, e todo o amor do mundo, e botáronse a escribir liñas na súa lingua, para que os nenos que iamos á escola, puideramos ler no mesmo idioma no que sentiamos. E naceron contos fantásticos e marabillosos que nos fixeron voar e rir. Contos que escondían moito esforzo detrás, moito traballo, e un compromiso coa terra que ninguén reclamaba. Contos que agromaban da necesidade. Do deber. Da xustiza.

Non había recursos. Cero. Ningún. Pero había moita conciencia.

Quizais, porque eses mestres e mestras si foran nenos da aldea, que non tiñan nada máis que a súa esencia, e unha carraxe e fortaleza inigualables que foran as que os converteran en mestres. Os verdadeiros docentes. Os que aprendían a xuntar as letras con cariño, os que botaban horas turrando polos alumnos, os que loitaban porque os nenos puidesen ir á escola cando facía falla a súa man de obra na casa. Os que construíron país. Os que non se deixaron vencer polo desánimo. Os que da nada sacaban unha obra de teatro, unha canción, unha historia, un poema.

Os que nos agasallaron os primeiros libros na nosa lingua, para que non nos decataramos de que un día fora silenciada, e a piques estivera de morrer. Iso, xa o saberiamos despois, se cadra.

Loitaron pola prosa, pola poesía, polo teatro. Por encher de versos e aloumiños os nosos días. Por regalarnos un futuro, sen agardar nada a cambio. Quizais, un sorriso ao vernos cun libro na man. Quizais, felices con pensar que quedabamos durmidos ás noites cos seus contos, ou escoitar cómo en baixa voz recitabamos aqueles versos que nos namoraran. Quizais…


Quizais algún día nos oian berrar GRAZAS!




                                                                                MARÍA CANOSA
   
Nai e filla presentan senllos libros. Que emoción!
                                         


































viernes, 24 de enero de 2014

DARDO POÉTICO (XIV). AS FOLLAS ACAÍDAS DE MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE.



Recibir cartas, agora que case xa non se escriben, resúltame un pracer.
Un costume excitante que tantas páxinas literarias deu en todas as literaturas do mundo.
     
          Cunqueiro, Seoane, Del Riego, Neira Vilas, Piñeiro, Núñez  Seixas, Díaz Pardo, Raúl Sotelo, Marino Dónega… son algúns dos intelectuais galegos cos que eu gocei do xénero epistolar, moi próximo a desaparecer. Entendín moitos dos seus comportamentos, a través das cartas que eles cruzaban. Auténticos tesouros.
 
Miguel Vázquez Freire
         Teño un apartado na miña biblioteca, dedicado unicamente a epistolarios de escritores de todas as épocas, ademais de músicos e pintores, como Van Gogh, por exemplo.
         Fascíname este xénero e volvo a el decontino.

         Pero déixome levar e vexo que me afasto do motivo real destas liñas.
Un motivo que non é outro que expresar a maneira coa que un home, a quen admiro fondamente, me felicitou o ano 2014: Miguel Vázquez Freire.
      

        Antes direi que falar de Miguel é falar de Filosofía, de teatro, de monicreques, de cine, de literatura sen idades, de estética, de materiais didácticos filosóficos, da codirección de coleccións de LIX, de televisión, de preocupación polos hábitos dos rapaces e rapazas, de pedagoxía, de traducións, de banda deseñada, de renovación pedagóxica (Nova Escola Galega), de ensaio, de medios audiovisuais … Sigo?

          Miguel Vázquez Freire é, para min, un auténtico intelectual. Moi vivo, ademais.
Miguel dirixiu a revista Golfiño (fermoso proxecto). Lembro as súas colaboracións  na Revista Galega de Educación, La Voz de Galicia, A Pizarra, suplemento educativo do Faro de Vigo, Cuadernos de  Pedagogía, CLIJ etc.
         

         A Miguel dediqueille, de maneira especial, o meu libro A Poesía necesaria, editado por Galaxia, hai un tempo. E fíxeno porque sentía que eu lle debo moito do que son, no eido pedagóxico, a este home xeneroso, que sempre abriu as portas dos seus coñecementos aos demais. Eu aprendín moito del, nuns momentos nos que se precisaba do seu saber. Eu sería moito menos eficiente no campo educativo, sen as imprescindibles aportacións de Miguel Vázquez Freire.


         E Miguel é, ademais, un magnífico narrador. Lembro o ano 1987, cando lera a súa intelixente novela, Proxecto Pomba Dourada (Editorial Vía Láctea, actualmente en Edicións Xerais). Impactárame. E, dez  anos máis tarde, emocioneime con Anxos en tempo de chuvia (na devandita editorial, na súa colección Fóra de Xogo).
Intentei facerme cos seus libros e lelos. Pode que algún escapase, pero a maioría están lidos. Ai, o gato Bogart e a malvada María Xosé e os contos de Reis e Nadal!


        Hoxe, de todos os xeitos, vou referirme ao Vázquez Freire poeta. Por iso lanzo este novo dardo poético. Porque recibín no mes de decembro un libriño marabilloso. O seu nome:   FOLLAS ACAÍDAS. Versos de ocasión. Fíxome moi feliz o feito de recibilo. E, ademais, encantáronme os poemas de Miguel, cuns gravados moi interesantes de José Valentín. Poesía espida, con referencias filosóficas e cinematográficas; poesía que sinala, poesía que conmove, poesía crítica e intimista. Poesía para gozar  da palabra literaria.

         
Vexamos algúns exemplos:


5 MINUTOS

Gravado de José Valentín
canta o paxaro
flúe o río
que é canto tamén

quen dixo un minuto?

máis tempo hai na música
que tempo hai no tempo




CLEPSIDRA

Gravado de José Valentín.
u-lo tempo?

dispersión
caos, abandono
laio
desencontro
melancólica escoita
dos silencios
agardanza inútil
do agrado fácil
ata un final
que ben podería ser eterno

u-lo tempo?


E remato cun poema acompañado dun dos magníficos gravados de José Valentín.



                                                       Grazas, Miguel, por todo.

Con Miguel, en Santiago.